Requisitos para impartir docencia de Relixións

Para impartir as ensinanzas de Relixións será necesario reunir os mesmos —ou equivalentes— requisitos de titulación exixibles no respectivo nivel educativo, ao funcionariado docente non universitario; ser proposto pola autoridade da confesión relixiosa e acreditar o coñecemento de lingua galega no nivel de perfeccionamento. Todo iso con carácter previo á súa contratación pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Requisitos comúns

  1. Ser español/a ou nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou nacional dalgún Estado ao que, en virtude dos tratados internacionais asinados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, ou ser estranxeiro con residencia legal en España e autorizado a traballar ou en disposición de obter unha autorización de traballo por conta allea.
  2. As previsións do punto anterior serán de aplicación, calquera que sexa a súa nacionalidade, ao cónxuxe dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de 21 anos ou maiores desa idade dependentes. Así mesmo, poderán acceder as persoas estranxeiras con residencia legal en España.
  3. Ter cumpridos 16 anos de idade.
  4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
  5. Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera Administración pública, nin estar inhabilitado para o exercicio das súas funcións. As persoas aspirantes cuxa nacionalidade non sexa a española deberán acreditar igualmente non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado de orixe o desempeño das súas funcións.
  6. Acreditar o coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou a súa validación).

Requisitos para educación infantil e primaria

  1. Posuír a titulación académica igual ou equivalente á exixida para ao nivel educativo de Infantil e Primaria: título de doutor, grao, licenciatura, enxeñaría, arquitectura, graduado ou diplomado, arquitectura técnica, enxeñaría técnica ou equivalentes.
  2. Ter sido proposto pola autoridade da confesión relixiosa para impartir o ensino nestes niveis.
  3. Para impartir docencia de Relixión católica:
    • Estar bautizado na Igrexa católica.
    • Ter a titulación eclesiástica DECA (Declaración Eclesiástica de Competencia Académica) correspondente ao nivel educativo en que se pretende impartir docencia. A DECA acredita a capacitación académica para ser profesor/a de Relixión católica. Expídea a Conferencia Episcopal Española.
    • Ser candidato/a idóneo/a (a apreciación destes criterios correspóndelle ao bispo).
    • Ter a missio canonica (requisito para a obtención da missio canonica é posuír a DECA e ser considerado idóneo; a missio presupón a idoneidade (DEI) e a capacitación académica (DECA). É conferida polo bispo da diócese en que se vai exercer a docencia.
  4. Para impartir docencia de Relixión evanxélica:
    • Certificado de Idoneidade expedido polo Consello Evanxélico de Galicia.
    • A partir de decembro de 2023, posuír o Máster en Formación teolóxica para a Ensinanza relixiosa evanxélica, que expide o Centro Superior de Ensinanza Evanxélica (CSEE) dependente da FEREDE. Con anterioridade a esta data, calquera dos títulos expedidos polo CSEE para impartir a Ensinanza relixiosa evanxélica.

Requisitos para secundaria obrigatoria e bacharelato

  1. Posuír a titulación académica igual ou equivalente á exixida para ao nivel educativo de Secundaria e Bacharelato: título de doutor, grao, licenciatura, enxeñaría, arquitectura ou equivalentes.
  2. Ter sido proposto pola autoridade da confesión relixiosa para impartir o ensino nestes niveis.
  3. Para impartir docencia de Relixión católica:
    • Estar bautizado na Igrexa católica.
    • Ter a titulación eclesiástica DECA (Declaración Eclesiástica de Competencia Académica) correspondente ao nivel educativo en que se pretende impartir docencia. A DECA acredita a capacitación académica para ser profesor/a de Relixión católica. Expídea a Conferencia Episcopal Española.
    • Ser candidato/a idóneo/a (a apreciación destes criterios correspóndelle ao bispo).
    • Ter a missio canonica (requisito para a obtención da missio canonica é posuír a DECA e ser considerado idóneo; a missio presupón a idoneidade (DEI) e a capacitación académica (DECA). É conferida polo bispo da diócese en que se vai a exercer a docencia.
  4. Para impartir docencia de Relixión evanxélica:
    • Certificado de Idoneidade expedido polo Consello Evanxélico de Galicia.
    • A partir de decembro de 2023, posuír o Máster en formación teolóxica para a Ensinanza relixiosa evanxélica, que expide o Centro Superior de Ensinanza Evanxélica (CSEE) dependente da FEREDE. Con anterioridade a esta data, calquera dos títulos expedidos polo CSEE para impartir a Ensinanza relixiosa evanxélica.

Normativa