Provisión de postos de traballo

Desde o curso 2009/2010, as vacantes que se producen de Relixión son ofertadas mediante concurso de traslados anual. Este concurso convócase en datas similares ás convocatorias que se realicen para a provisión de postos correspondentes aos funcionarios docentes de educación.

As necesidades de profesorado que non se cubran polos concursos de traslados serán provistas preferentemente ampliando a xornada de traballo do profesorado de Relixión que presta servizos a xornada parcial.

De resultar necesario efectuar novas contratacións, realizaranse entre aquelas persoas que prestaran servizos como profesor ou profesora substituto/a de Relixión.

A realidade amósanos o incumprimento do lexislado e tan só se convocaron concursos de traslados entre o profesorado de Relixións que presta servizos nos centros educativos galegos no 2009 e no 2020. A partir do ano 2014, as persoas delegadas de CCOO Ensino solicitamos a súa realización en numerosas ocasións nos distintos comités de empresa do profesorado de Relixións. Neles, observamos asombrados como as delegadas doutras organizacións sindicais votaban en contra ou se abstiñan ante esta xusta demanda, tal e como figura en distintas actas. Foi requirido á Administración en diferentes solicitudes. O procedemento, cando non se convoca concurso, consiste na elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia segundo a confesión relixiosa (católica ou evanxélica) e os niveis (poden ser de Infantil e Primaria e/ou Secundaria, segundo as necesidades).

Cando as prazas non poidan ser cubertas polo profesorado existente, o acceso aos novos postos de traballo faise a través de listas, como se indica no artigo 7.3 da Orde do 17 de xullo de 2007. Cando as listas estean esgotadas, ou a piques de esgotarse, desde a Dirección xeral de centros e recursos humanos convócase un procedemento para provelas.

Normativa