O conselleiro xustifica os recortes no ensino aducindo que xa non estamos en pandemia

Os números amosaron a realidade. Onte no Parlamento, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, non fixo máis que constatar as cuestións que denunciamos desde CCOO-Ensino o pasado luns, 13 de setembro, cando desmontabamos as cifras iniciais da Consellería ao poñermos enriba da mesa a situación de recortes que se está a producir no ensino. O conselleiro non só recoñeceu ese recorte, senón que fixo algo peor ao defender as súas cifras recorrendo ao curso escolar 2019-20, sen covid, dando por superada a pandemia. Este feito amosa un desprezo absoluto a unha comunidade educativa que ve como a Consellería obvia todas as indicacións sanitarias e científicas que alertan da necesidade de manter as medidas implementadas o ano pasado, como barreira imprescindible para unha presencialidade segura nas nosas aulas.

O pasado luns, desde CCOO Ensino trasladabámoslle á prensa que a Consellería estaba a enganar coas cifras, pois a redución da distancia interpersoal entre o alumnado de 1,5 a 1,2 metros aplícase só co obxectivo de recortar profesorado, primando os criterios economicistas fronte aos sanitarios. Deste xeito, informamos de que na etapa de educación infantil e primaria se reduciron 116 unidades —47 en infantil e 69 en primaria— e elimináronse 169 postos de traballo. Na etapa de secundaria, constatáronse 420 prazas menos ca o pasado curso na adxudicación definitiva, o que indica a gran redución dos desdobramentos que había pola covid-19 e  que segundo o conselleiro son 445 prazas menos. Agradecemos ao conselleiro que onte nos dera a razón no Parlamento.

As propias familias están a manifestarse pola repercusión directa que estes recortes teñen no alumnado. Sirva como exemplos disto os casos do CEIP Heroínas de Sálvora (Aguiño-Ribeira), onde as familias non levaron as súas crianzas o pasado 9 de setembro como rexeitamento á falta dunha docente xubilada que está no catálogo. Tamén no CEIP Monte dos Postes, onde os recortes en profesorado obrigan a unha situación surrealista, pois deben compartir un mestre titoría en 2º de primaria co centro de Fontiñas. Tamén é grave o caso do IES de Melide, onde o alumando de bacharelato non pode continuar coa optativa escollida o curso anterior, por reducirse o número de alumnado no grupo, malia que non se precisa ningún docente máis. Todos estes casos na provincia da Coruña non son casuais, senón que responden ás maneiras autoritarias que dende a inspección e a propia xefatura territorial desta provincia levan practicando nos últimos tempos.

Porén, desde CCOO-Ensino esiximos á Consellería unha rectificación urxente para solucionar estas cuestións así como que se leven a cabo todos os desdobramentos precisos co fin de garantir as medidas de seguridade e unha atención educativa de calidade, para cumprir cos catálogos dos centros dotándoos co profesorado necesario.