CCOO-Ensino afirma que a Consellería de Educación reduce o espazo entre o alumnado para recortar profesorado

Pola súa parte, o coordinador de Acción Sindical de CCOO-Ensino, José Fuentes, salientou que a redución da distancia é «o elemento fundamental» para recortar profesorado e aumentar as ratios nas aulas. Deste xeito, reduciu 116 unidades —47 en infantil e 69 en primaria— e eliminou 169 postos de traballo. A redución de unidades e de profesorado provocou xa protestas das familias de diferentes centros educativos de toda Galicia neste comezo do curso.

Para CCOO-Ensino, a Consellería «comete un erro» ao manter as ratios máximas de 25 alumnas e alumnos por aula baseándose nun «concepto errado dos grupos burbulla», xa que o alumnado da mesma aula mantén contacto ao longo do día cos doutras aulas en espazos da vida cotiá ou no propio transporte escolar.

CCOO-Ensino desmente o conselleiro de Educación cando afirma que Galicia ten a ratio máis baixa do Estado xunto con Estremadura. Segundo José Fuentes, isto só se cumpre no rural, debido a que tamén hai menos alumnado. Con todo, «as ratios aínda deberían ser máis baixas se a Xunta non estivese a incumprir desde o 2011 o acordo de agrupamentos asinado no 2009», denunciou Luz López.

Canto á etapa de secundaria, «o criterio economicista é o principio reitor», sinalan desde a Federación do Ensino de CCOO. Na adxudicación constátanse 420 prazas menos ca o pasado curso, o que indica o alto grao de redución dos desdobramentos que había pola covid-19. 

A posición do sindicato é clara canto á distancia entre postos escolares: que se manteña a de 1,5 metros para non poñer en perigo a saída da pandemia, reducindo así a ratio e mantendo o groso de contratacións un curso máis. «Desde CCOO-Ensino apostamos por un ensino presencial e seguro, xa que o ensino presencial é o que garante a equidade e a igualdade de oportunidades de todo o alumnado», enfatizou José Fuentes.

Protocolo de limpeza

Outra das cuestións criticadas por CCOO está relacionada coa limpeza. O sindicato coida «imprescindible» aumentar o persoal, sobre todo nos centros que contan cunha única persoa para estas tarefas. O protocolo recolle que só un terzo da xornada pode coincidir coa actividade lectiva, polo que a atención a este traballo significa unha modificación unilateral das condicións laborais «que non imos consentir».

Avaliación de centros e postos

Por último, CCOO-Ensino esíxelle á Consellería de Educación que faga «canto antes» a avaliación de centros e de postos de traballo, pois é unha obriga recollida tanto na Lei de saúde e seguridade laboral como na resolución da Inspección de Traballo en resposta á denuncia presentada por CCOO.

 LIGAZÓN AO VIDEO DA ROLDA DE PRENSA