CCOO-Ensino amosa o seu total apoio ao profesorado do IES Manuel García Barros de A Estrada

Diante da situación xerada nos últimos días no IES Manuel García Barros de A Estrada e das informacións aparecidas en diversos medios de comunicación , CCOO-Ensino quere amosar o seu total apoio ao profesorado do centro e fai un chamamento á calma namentres as investigacións que se están a levar a cabo non chegan ao seu termino, evitando o cuestionamento da súa labor profesional.

En xuntanza mantida coa Xefatura Territorial de Pontevedra, CCOO-Ensino trasladou as súas inquedanzas sobre a situación xerada e esixiulle á Administración Educativa que dera o respaldo xurídico necesario aos e ás profesionais do centro.

CCOO-Ensino critica así mesmo as declaracións feitas polo Presidente da FANPA de Pontevedra na que cuestionaba o traballo do profesorado do centro, pois foron feitas cunha investigación dos feitos aínda aberta e sen coñecer os resultados da mesma e coa fin de sementar as dúbidas sobre os e as docentes.

CCOO-Ensino pide que se deixe que a investigación iniciada siga o seu curso e que se poidan esclarecer os feitos para así volver a unha dinámica de traballo e sen sobresaltos . Así mesmo ponse á disposición dos e das docentes para o que for necesario na resolución deste asunto.