Esta semana publicarase o baremo definitivo e a adxudicación provisional do concurso extraordinario de méritos

A Administración confirma que esta semana ten previsto publicar o baremo definitivo e a adxudicación provisional de prazas do concurso de méritos extraordinario de estabilización.

Nunha xuntanza informativa celebrada esta mañá coas organizacións sindicais, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades confirmou que ten previsto publicar esta semana o baremo definitivo e a resolución provisional da adxudicación de prazas.

Coa publicación da adxudicación provisional abriríase o prazo de tres días hábiles para que poidan renunciar aquelas persoas que resulten adxudicatarias en máis dunha especialidade do mesmo corpo.

Tras a tramitación das renuncias, a Dirección Xeral declara que ten previsto publicar a resolución definitiva o mesmo día que o Ministerio publique a resolución provisional (posiblemente nos últimos días de maio ou primeiros de xuño). Desta forma, Galicia abriría outro prazo extraordinario de 3 días para as renuncias daquelas persoas que quixeren optar á praza adxudicada no concurso de méritos noutra comunidade autónoma. As prazas que, por estas renuncias, quedasen “desertas” en Galicia serían adxudicadas ás seguintes persoas por orde de puntuación nas especialidades afectadas.

A Consellería recorda que só teñen obriga de renunciar a unha especialidade aquelas persoas ás que se lles adxudicasen varias especialidades do mesmo corpo. En caso de non renunciar, aplicaríase a base 13.6 da orde de convocatoria, é dicir, adxudicaríaselle praza na especialidade en que prestou servizos este curso 2022/23 e, de non haber, na de código de especialidade inferior.

Non terán obriga de renunciar aquelas persoas que obteñan máis dunha especialidade en corpos diferentes. Isto podería ocasionar que algunha persoa “acumule” especialidades en diferentes corpos aos que nunca chegaría a incorporarse no futuro.

Á persoa que obtivo unha praza por unha especialidade e posteriormente, a consecuencia das renuncias, puidese ser adxudicataria doutra praza noutra especialidade, a Consellería permitiralle exercer o dereito de escolla e optar pola que prefira.

PROCEDEMENTO DE PRESENTACIÓN DE RENUNCIAS

  1. Acceder á Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e identificarse no apartado “A miña sede”.
  2. Acceder ao apartado de “Últimos expedientes” e localizar a última solicitude (ED001B) correspondente á participación pola especialidade á que se quere renunciar.
  3. No apartado de “Documentación”, descargar a solicitude presentada e verificar que é a que se corresponde coa especialidade á que se quere renunciar.
  4. No apartado “Que podo facer?”, iniciar o trámite de Renuncia, cubrir os datos correspondentes, asinar a solicitude de renuncia e presentala por rexistro.