Día da Visibilidade Trans: concretar os pasos que se han seguir

A Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, publicada hai menos dun mes, supón, sen dúbida, un grande avance, pero é só un punto de partida. Urxe seguir visibilizando e recoñecendo os dereitos das persoas trans e non binarias, desde a infancia, máis alá do que se recolle na lei vixente, que aínda é moi insuficiente nese sentido.

31 de marzo, Día da Visibilidade Trans

Aínda nos queda moito percorrido nesta loita pola igualdade e o respecto á diversidade. Desde a Federación de Ensino de CCOO cremos que cómpre continuar canto antes co desenvolvemento dalgúns puntos básicos, tales como:

  • Establecer un prego das medidas específicas sobre como se vai aplicar a nova lei de emprego ás persoas trans.
  • Desenvolver urxentemente nos centros de traballo, tanto en Administracións públicas como nas empresas, as medidas fronte a calquera tipo de discriminación, nas que se inclúa un protocolo de actuación para a atención do acoso e a violencia contra as persoas LGTBIQ+.
  • No ámbito sociosanitario, establecer os protocolos e procedementos específicos para a atención das persoas trans, amais de pór en marcha servizos especializados multidisciplinares que permitan informar, apoiar e acompañar as persoas trans durante todo o proceso de transición.
  • Nos centros educativos, deseñar protocolos de prevención do acoso escolar, o ciberacoso e calquera forma de LGTBIQ+fobia, así como impulsar plans de coeducación e diversidade, incluíndo como punto imprescindible a formación do profesorado en diversidade sexual, de xénero e familiar das persoas LGTBIQ+.

En CCOO cremos que é urxente dispoñer dos recursos necesarios para investir no persoal e os medios que fagan falta para implantar estes protocolos e medidas o máis axiña posible. Non podemos soportar máis os altísimos índices de discriminación das persoas LGTBIQ+ (42 %), que aumenta ata o 63 % se se ten en conta unicamente as persoas trans, e que tamén se traspasa ao ámbito educativo.