Toda a información da mesa sectorial do 7 de marzo de 2023

Intervención en Mesa Sectorial do 7 de marzo de 2023

1. Proxecto de modificación do Acordo de Interinos.

Afrontamos esta mesa co aval do colectivo tras reunirse en asambleas co profesorado interino e coñecer as súas demandas sobre a proposta da Consellería.

Consideramos que era necesaria unha actualización do Acordo para adaptalo aos cambios normativos introducidos pola Reforma Laboral, así como pola Lei 20/2021 e outras normas que introducen modificacións nos corpos do profesorado que imparte na Formación Profesional.

Coincidimos coa interpretación que fai a Consellería e que coincide co que desde CCOO vimos dicindo dende que se aprobou a Lei 20/2021, no senso de que os nomeamentos en educación son por un máximo dun curso académico. Consecuentemente, o profesorado interino pode continuar no mesmo lugar da lista de forma indefinida, como leva ocorrido desde 1995, co apoio das OO. SS. asinantes do Acordo, posicionamiento que defendía CCOO. Ninguén sairá das listas aos tres anos como viña anunciando en repetidas ocasións algunha organización sindical que só buscaba rédito electoral.

Coincidimos tamén coa proposta no tocante ás listas de FP. O profesorado interino, con ou sen titulación universitaria, que actualmente está consolidado nas listas, mantén esa consolidación, o que significa que haberá unha única lista do corpo de PES para ditas especialidades, ao contrario que noutras CC. AA., que fan dúas listas: unha do corpo de PES e outra de PTFP, para persoal con e sin titulación universitaria, respectivamente.

Non podemos estar de acordo coa proposta da Consellería nos seguintes apartados, polo que demandamos:

  • Solicitamos non facer referencia a prazas estruturais ou non estruturais. Entendemos que o persoal interino ocupa unha vacante que ten unha duración anual, independentemente da súa orixe e/ou forma de provisión. NON ACEPTAN. Argumentan que ten que aparecer esta diferenciación por cuestións como a indemnización que recolle a Lei 20/21 e que queda limitada a prazas estruturais.
  • Reclamamos que o baremo de acceso a listas abertas coincida co último proceso selectivo ordinario, xa que se deben considerar tamén outros elementos ademais da nota media da titulación esixida para a colocación en listas, xa que a forma de acceso é xeralmente o concurso oposición. Tamén debe conservarse o requisito imprescindible do coñecemento da acreditación da lingua galega.  ESTUDARANO, pero inicialmente non teñen intención de modificar o borrador.
  • Demandamos que as prazas de aceptación voluntaria deben ampliarse a outras que non figuran no acordo actual, como os centros de menores ou as prazas de atención domiciliaria. ACEPTAN INCORPORALO AO TEXTO DO ACORDO.
  • Solicitamos que se melloren as condicións de renuncia por motivos de conciliación familiar, que deberían ser como mínimo os establecidos para as comisións de concilia. Iso si, mantendo un só fillo menor de 6 anos como está actualmente no acordo. ACEPTAN ESTABLECER MESMAS NORMAS QUE NA CONCILIA, MANTENDO OS SEIS ANOS COMO IDADE EN CASO DUN SÓ FILLO, resultando máis ventaxosa que as idades das propias comisións por concilia.
  • Ante a modificación da reforma laboral, solicitamos a inclusión da totalidade da modalidade de contratos, incluído o réxime de autónomos, porque en ningún caso estariamos dispostos a que desaparecera a causa do contrato de traballo. ACEPTAN A TOTALIDADE DOS CONTRATOS, INDEFINIDOS E TEMPORAIS, DE CARÁCTER PÚBLICO OU PRIVADO, INCLUÍDO AUTÓNOMOS.
  • Estamos radicalmente en contra da desaparición do suposto de renuncia por amplicación de estudos e de retirarse só aceptaríamos como contrapartida a posibilidade de renuncia sen necesidade de xustificación. Para a administración sería moito máis doado a xestión con esta fórmula. De non aceptar esta fórmula, CCOO non acepta de ningunha maneira a desaparición da ampliación de estudos e sería unha liña vermella para non asinar a addenda e retirar a sinatura do acordo. Estariamos dispostos a discutir en que termos quedaría a ampliación de estudos porque somos conscientes que as matrículas en ciclos superiores de FP non responden na maior parte dos casos á necesidade de ampliación de estudos. Pero no caso dos estudos universitarios entendemos que si responden a esa necesidade e deben continuar como causa de renuncia, si ou si, no acordo. Podemos discutir se ten límite ou non. Pero a súa desaparición é unha liña vermella.
    DESCARTAN TOTALMENTE MANTER A FP COMO RENUNCIA Á AMPLIACIÓN DE ESTUDOS, xa que a administración ten detectado que na maioría de casos se trata de persoal que realmente non busca ampliar estudos.
    ACEPTARÍAN VOLVER A INCLUÍR AS TITULACIÓNS UNIVERSITARIAS, CUNHA DURACIÓN TEMPORAL QUE PODERÍA SER DE TRES ANOS.  PARA CCOO SON INSUFICIENTES E PEDIMOS QUE  RECAPACITEN. DECIDEN AMPLIAR, FINALMENTE, POLA PRESIÓN SINDICAL, A CINCO ANOS.
  • Solicitamos que a Consellería se comprometa ante a Mesa Sectorial á reactivación do cobro do verán para o persoal substituto con 5 meses e medio traballados tal e como recolle a base 18 do acordo. A CONSELLERÍA NON PODE INCLUIR ESE COMPROMISO XA QUE DEPENDE DA CONSELLERÍA DE FACENDA.
  • Esiximos que se recolla no Acordo que deben realizarse chamamentos todos os días. Ademais, solicitamos a implantación de fórmulas máis áxiles de chamamento e de xustificación de renuncia ademais de visualización de posibles sancións. A ADMINISTRACIÓN CONSIDERA QUE UN SISTEMA DE CHAMAMENTOS VÍA WEB PODERÍA RETRASAR MÁIS A COBERTURA DE VACANTES.
  • Demandamos coñecer os contidos e obxectivos do curso de formación para novos substitutos/as que pretende implantar a Consellería para poder facer unha valoración e advertimos que a duración do contrato pode non ser compatible coa duración do curso. PODERÍAN SEGUIR FACENDO ESTA FORMACIÓN.
  • Solicitamos incluír o regulamento da lista de Orientación no Acordo. ACEPTAN INCLUÍLO.
  • Esiximos que se elimine na disposición adicional sexta a necesidade de proposta da dirección do centro en caso de continuidade dun substituto/a tras periodos non lectivos, debendo ser a petición do interesado ou interesada e non a proposta da dirección, para favorecer a continuidade pedagóxica e que o alumnado teña o mínimo número de cambios de docente posibles. Tal posibilidade non debe limitarse soamente a Nadal e Semana Santa.
    ACEPTAN RETIRAR O VISTO E PRACE DE DIRECCIÓN.
    ENGADIRÁN NO TEXTO O ENTROIDO E ESTUDIARÁN INCORPORAR OUTROS PERIODOS LECTIVOS.

Finalmente, queremos apuntar que os cambios son de tal magnitude e importancia que é necesario facer un novo texto refundido para mellor comprensión do mesmo, polo que esiximos a publicación en DOG. ACEPTAN PUBLICAR EN DOG O NOVO TEXTO REFUNDIDO.

2. Rogos e preguntas.

  • Denunciamos a forma de negociación e a escasa transparencia que a Consellería vén amosando coas organizacións sindicais nos últimos tempos, como por exemplo no tema do complemento do profesorado de FP, Plan Acompaña, Competencia Dixital, etc.
  • No proceso de integración do profesorado de FP ao corpo de PES, esiximos que se estenda o dereito do cobro do complemento salarial tamén a todo o profesorado interino, en prácticas e xubilado, con carácter retroactivo dende a entrada en vixencia da LOMLOE e que se implante un complemento similar no resto de profesorado de corpos que permanencen en grupo A2, como os mestres/as ou os mestres/as de artes plásticas e deseño. VIRÁ Á MESA SECTORIAL A NEGOCIACIÓN DESTE COMPLEMENTO QUE FOI ANUNCIADO. A EFECTIVIDADE SERÁ 1 SETEMBRO DE 2023.
  • No tocante ao Plan Acompaña criticamos a falta de transparencia nos criterios de selección dos centros e na dotación dos recursos.
  • Solicitamos explicacións sobre a acreditación da competencia dixital. Hai un gran descoñecemento e non se sabe como se pode acreditar nin que requisitos son necesarios. Debería pasar por mesa a documentación sobre este tema en forma de borrador de Orde ou como consideredes. En Madrid, por exemplo hai unha Orde. TEÑEN PREVISTO REGULADO POR UNHA ORDE E TRAELA A MESA.
  • Esiximos o pago inmediato ás persoas que actuaron como tribunal no último proceso selectivo. É un despropósito que aínda non recibiran tales retribucións. A ADMINISTRACIÓN ASEGURA QUE TRAMITOU HOXE PRECISAMENTE OS ATRASOS PARA AS PERSOAS QUE ACTUARON COMO MEMBROS DOS TRIBUNAIS DE OPOSICIÓN.
  • Demandamos información sobre cando se van publicar as licenzas por formación. ESTÁN PENDENTES DE DOUS INFORMES DE CONSELLERÍA DE FACENDA. QUEREN PUBLICALAS O ANTES POSIBLE.
  • Preguntamos por que non se están a cargar as renuncias de secundaria na aplicación do CXT. ESTÁN PENDENTES DE TRAMITALAS. PUBLICARÁN AQUELAS QUE TEÑEN RECOLLIDAS ANTES DO VENRES.
  • Denunciamos que non están realizados os plans de igualdade que teñen que ser negociados coa representación dos traballadores, e que tiñan que estar implantados dende o ano pasado. A ADMINISTRACIÓN ASEGURA QUE ESTÁ EN PROCESO DE ELABORACIÓN, QUEDANDO PENDENTE INCLUÍR UN PROTOCOLO DE ACOSO LABORAL E OUTRO DE ACOSO SEXUAL.
  • Solicitamos información sobre as datas de resolución de concurso de méritos e do proceso de  integración PTFP. MAÑÁ SERÁ PUBLICADA A RESOLUCIÓN PROVISIONAL DAS PERSOAS QUE SE INTEGRAN EN PES. HABERÁ DOUS ANEXOS COA LISTAXE DE PERSOAS XUBILADAS E QUE NON SE INTEGRAN PORQUE XA ESTÁN INTEGRADAS TRAS APROBAR OS PROCESOS SELECTIVOS A EFECTOS QUE PODAN RECIBIR OS ATRASOS QUE LLES CORRESPONDAN. NO CONCURSO DE MÉRITOS PREVÉN PUBLICAR A RESOLUCIÓN PROVISIONAL A FINAIS DE MARZO OU PRINCIPIOS DE ABRIL.
  • Denunciamos que non se convocou o Comité de Seguridade e Saúde Laboral no primeiro trimestre. Esiximos a convocatoria inmediato dando efecto á resolución da inspección de traballo de Coruña. PROCURARÁN CONVOCALO CON BREVIDADE.
  • Solicitamos que nos remitan o borrador de Orde de nomeamento de dirección deste ano. NON CONTESTAN.
  • Seguimos reclamando a volta ás 18/21 horas e unha negociación neste sentido. NON CONTESTAN.
  • Solicitamos unha mellora do repositorio e materiais de EDIXGAL. NON CONTESTAN.
  • Demandamos información sobre a tramitación dos partes de baixa ao abeiro da modificación que entrará a partir do 1 de abril e mediante a cal o traballador non terá que entregar o parte de incapacidade temporal (Real Decreto 1060/2022, do 27 de decembro) neste sentido e como vai trascender en educación. ESTANO ANALIZANDO.