Primeira reunión da comisión técnica do XI convenio colectivo do ensino privado
O pasado 13 de xaneiro tivo lugar a primeira reunión da comisión técnica destinada a tentar resolver as inexactitudes e carencias detectadas por CCOO no ámbito do convenio colectivo.

Na negociación do XI Convenio, CCOO decidiu dar prioridade ás revisións salariais de 2021, 2022 e 2023, esixindo a cambio a creación dunha comisión técnica que analizase e resolvese os problemas que se veñen perpetuando no sector.
Como impulsores da constitución desta comisión, temos moi claros os temas que, entre outros, deben resolverse e que xa expuxemos na primeira reunión:
- A xornada de traballo é excesiva neste convenio e a xornada anual de traballo non se corresponde coa xornada semanal.
- Deben reducirse as posibilidades de ampliación da xornada que permite o convenio: bolsa de 90 horas e transvasamento de horas lectivas a complementarias.
- Ha cambiarse o concepto de «tempo de traballo lectivo», centrando os cómputos en «períodos de clase non superiores a 60 minutos».
- Téñense que definir e diferenciar mellor as actividades lectivas e complementarias, engadindo, así mesmo, actividades que non se recollen actualmente, como o traballo adicional con plataformas informáticas, o seguimento do alumnado e correspondencia cos pais e nais…
- Hai que regular as xornadas específicas do persoal docente que imparte materias de Formación Profesional e a FP en liña.
- Cómpre mellorar a regulación do capítulo de vacacións.
Finalmente, emprazámonos a unha nova reunión o 28 de febreiro, na que iniciaremos os traballos de análise e busca de solucións. Malia as dificultades con que imos topar para chegar a acordos no seo da Comisión, desde CCOO consideramos que chegou o momento de tratar en profundidade estes temas que se evitaron sistematicamente durante as negociacións do convenio.
CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS