CCOO propón que se estableza un corpo docente propio para as Ensinanzas Artísticas Superiores, análogo ao universitario

Ante a perspectiva dunha reforma moi demandada e esperada, a Federación Estatal de Ensino de CCOO (FECCOO) celebra que, aínda que o documento base presentado polo Ministerio no Pleno do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas non contén decisións definitivas, polo menos recolle liñas sobre as que comezar a traballar na futura lei do sector. O texto incorpora algunhas das achegas presentadas por CCOO e que se poden consultar en www.fe.ccoo.es.

O sindicato anhela unha regulación integral das Ensinanzas Artísticas en todos os seus niveis e insta o Goberno a impulsar a incorporación das EE. AA. profesionais ao Marco Español de Cualificacións.

FECCOO destaca a necesidade de contar cun impulso orzamentario e con órganos específicos de xestión no Ministerio e nas Administracións educativas para o desenvolvemento e aplicación da normativa. Así, o sindicato defende unha ensinanza artística máis inclusiva, diversa, pública e democrática, dotada cos medios e servizos necesarios.

A aspiración de CCOO é que estas ensinanzas se incorporen ao marco universitario, para avanzar na autonomía de xestión, na investigación e no desenvolvemento de doutoramentos propios, e aposta tamén por situar as Ensinanzas Artísticas Superiores, o seu alumnado e profesorado, de forma inequívoca, no Espazo Europeo de Educación Superior. Neste sentido, o sindicato presentou unha emenda á Lei orgánica do Sistema Universitario na súa tramitación parlamentaria para que se inclúan as Ensinanzas Artísticas Superiores no ámbito normativo universitario. Deste xeito evitaríase, entre outras cousas, a omisión do alumnado en múltiples convocatorias.

É urxente, ademais, ter en conta a heteroxeneidade dos diferentes territorios do Estado con independencia do modelo organizativo que adopte cada comunidade autónoma, segundo as súas características e posibilidades.

Por iso, CCOO recomenda ampliar a autonomía académica e de xestión dos centros superiores de Ensinanzas Artísticas, facendo máis áxil a elaboración e aprobación de plans de estudos acordes con escenarios cambiantes, á vez que insiste en que se estableza un corpo docente propio para as Ensinanzas Artísticas Superiores análogo ao universitario, consonte as súas funcións e competencias, unha das súas reivindicacións históricas.

 

Ligazóns de interese: