Mesa Sectorial do 22 de novembro de 2022

  1. Proxecto de orde novembro 2022 pola que se convocan procedementos selectivos de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, profesores especialistas en sectores singulares de FP, de corpo de profesores de EOI, de  profesores de música e artes escénicas, de profesores de artes plásticas e deseño, e de mestres 

  • Non compartimos o número de prazas ofertadas. Entendemos que deberían incorporarse máis prazas cos mesmos criterios de determinación usados pola Consellería. 
  • Consideramos que a oferta de 125 prazas de todos os corpos é ridícula. Na maior parte das especialidades ofértase unicamente unha praza. 

  • Manifestamos a nosa oposición a que se convoquen unicamente prazas de estabilización. En CCOO entendemos que ofertar as prazas de estabilización e de reposición polo sistema transitorio non incumpre a normativa vixente. En ofertas de anos anteriores acumuláronse as prazas de estabilización e as de reposición polo sistema modificado, non polo ordinario, do RD 276. 

  • Demandamos que o prazo da convocatoria non se abra ata saber unha resolución provisional do concurso de méritos para aqueles que teñan posibilidades de obter unha praza por esa vía, non teñan que presentarse a esta convocatoria de estabilización. A Consellería baralla a posibilidade de sacar unha resolución provisional do concurso de méritos a principios de marzo pero non saben se van poder cumprir co obxectivo dos prazos. Prevén publicar a finais de mes a convocatoria do concurso de estabilización, sobre o 28 ou 29 de decembro. 

  • Solicitamos incluír convocatoria de procedemento de adquisición novas especialidades e promoción interna A2 a A1. REXEITADO. 

  • Esiximos que os tribunais deberan publicar con antelación ao acto de presentación unhas normas claras sobre o formato das probas escritas.

  • Demandamos que se debe explicitar na convocatoria de modo claro o procedemento de reclamación da nota perante os tribunais, así como a grabación das probas orais. REXEITADO. 

  • Consideramos que se debe eliminar a función de valoración de méritos dos aspirantes polo tribunais. Esta función debería recaer na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e que os méritos que figuran no expediente persoal, deberían ser xa valorados de oficio. 

  • Demandamos que se publiquen a composición final dos tribunais e non so nos lugares de celebración das probas. APROBADO. 

  • Reclamamos que a adaptación de tempo e medios para quen a solicite se faga con tempo suficiente. CONSIDERAN QUE O VEÑEN FACENDO CORRECTAMENTE. 

  • Rexeitamos a decisión da Consellería de establecer proba práctica para todas as especialidades que imparten na FP, xa que hai especialidades de FP eminentemente teóricas e con carga prácticas máis reducida (exemplo FOL ou as da familia profesional de Comercio e Administración de Empresas, por citar un par de casos). REXEITADO. Argumentan que é preceptivo. 

  • Demandamos a gratuidade da matrícula para os demandantes de emprego que non estean a cobrar prestación ou subsidio en lugar dunha bonificación de só o 50% e que este requisito, ao igual que o resto, se considere a final de prazo de presentación de solicitudes. TRASLADARANO A CONSELLERÍA DE FACENDA. 

  • Solicitamos incrementar o prazo de 5 días hábiles de reclamación contra a lista provisoria.

  • Demandamos que todos os tribunais estean formados por profesorado da especialidade en todos os casos e non só cando sexa posible.

  • Valoramos positivamente a incorporación de que se publiquen as solucións e plantillas de corrección e demandamos que se asegure o seu cumprimento polos tribunais.

  • Debemos criticar tamén que non sexan baremados todos os aspirantes, para nós é fundamental considerar a nota do concurso-oposición para o acceso a postos de traballo como interino ou substituto. 

  • Consideramos que os opositores que teñan superado a proba de coñecemento de castelán e/ou galego en convocatorias anteriores deben estar exentos de realizala.

  • Solicitamos que se debe substituír 24 h por 48h como mínimo para chamamentos por parte do tribunal, para favorecer o desprazamento dos opositores que poden estar nun tribunal lonxe do seu enderezo habitual.

  • Reiteramos a nosa oposición á presentación de méritos ante o tribunal e á súa baremación por este, deben ser baremados pola Dirección Xeral. REXEITADO. O que si o traballo que teñan feito previamente na Consellería de documentación recabada do anterior concurso de méritos, será aportado pola Consellería aos tribunais, sempre que os méritos estean validados en datos persoais, é dicir aqueles que non foron baremados porque non entraban no algoritmo, quedarían fóra desta posibilidade. 

  • Opoñémonos a como está recollida a configuración da Comisión de selección por presidentes de tribunal, dado que son elexidos a dedo. REXEITADO. 

  • Consideramos escaso e que se debe incrementar o prazo de tres días hábiles para reclamar as puntuacións da fase de concurso. Solicitamos ampliación a 5 días hábiles.

  • Demandamos que os criterios de avaliación da proba de desempate, no caso de ser necesaria a súa realización, deben ser públicos.

  • Esiximos que se incremente a 3 días o prazo para solicitar destino provisional os aprobados.

  • Consideramos que debe recollerse que en caso de non formular opción pola percepción da remuneración se lle aplicarán as retribucións que favorezan máis ao traballador.

  • Reclamamos que debe especificarse que o docente titor ten que ser funcionario de carreira da especialidade correspondente sempre non preferentemente. No caso do corpo de mestres non se debe adxudicar prazas en unitarias e nos outros corpos en departamentos unipersoais para posibilitar unha efectiva fase de prácticas. REXEITADO porque entenden que se poñería limitacións á adxudicacións de destinos. 

  • Consideramos que a titoría dos profesores en prácticas deben ter un recoñecemento análogo a titoría de master, polo tanto debería ir acompañada da compensación económica de dita función e ser considerada como formación impartida. 

EN CANTO AO BAREMO RECLAMAMOS:

  • Que se inclúa a valoración da experiencia no apartado 1.1  dos anos de experiencia  especialidade de Orientación de corpo de mestres e de Prácticas e Actividades do corpo de Profesores Técnicos de FP. ACEPTADO. 

  • Que debe valorarse a nota media das titulacións declaradas equivalentes a efectos de docencia. Se son equivalentes o deben ser en todas as facetas, incluídas a nota media das mesmas. REXEITADO

  • Que sexan puntuados no apartado 2.2 máis dun doutourado ou mestrado oficial en caso de que a persoa aspirante presente máis dun título. REXEITADO. 

  • Que debe puntuarse tamén outros premios extraordinarios como o de master oficial, aínda que somos conscientes que non está contemplado no RD 276/2007. REXEITADO. 

  • Que se valore tamén o B2, como viña puntuándose en anteriores procesos, xa que polo Decreto 81/2018 tales niveis son equivalente ao nivel avanzado. REXEITADO. 

  • Que se inclúan as linguas cooficiais tamén no apartado 2.5, non só estranxeiras, desta forma o C1 en catalán ou euskera expedido por unha universidade non valería en ningún epígrafe. REXEITADO. 

  • Que continúen computando os niveis de EOI de lingua galega como viña considerándose en anteriores convocatorias de procedementos selectivos sempre que o requisito de posesión de CELGA 4 sexa xustificado doutra forma. REXEITADO. 

EN CANTO ÁS PROBAS PRÁCTICAS CONSIDERAMOS:

  • Débense dar a coñecer os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das probas prácticas coa maior antelación posible, non esperar á semana previa ou ao acto de presentación como xa se fixo nalgunhas especialidades.

  • Necesidade de expresar a duración máxima da proba práctica naquelas especialidades nas que non está reflectida, por exemplo música. 

 

  1. Anteproxecto de orde polo que se establece o currículo de materias optativas do bacharelato e se regula a súa oferta. 

  • En primeiro lugar manifestamos a nosa disconformidade a como se levou a cabo o proceso de negociación do Decreto de Currículo de Bacharelato, desestimando a Administración a práctica totalidade das nosas enmendas. 

  • Demandamos unha oferta de optativas de Bacharelato equilibrada nas respectivas modalidades, polo tanto todas as modalidades de Bacharelato, incluído os de artes, deben contar cunha oferta suficiente e variada que englobe o máximo número de especialidades posibles. REXEITADO. CONSIDERAN QUE A OFERTA DE OPTATIVAS XA É MOI AMPLA. 

  • Consideramos que as ensinanzas das materias relacionadas coas artes son moi importantes para unha formación integral. Con esta norma  impídese que o alumnado que non estude en centros nos que se imparta o BACH de Artes ou o xeral non poida optar á ensinanza da música como optativa. Xa propuxemos recuperar a música como materia optativa en calquera tipo de BACH. 

  • Reclamamos a incorporación de materias optativas relacionadas coa economía, xa que desaparen como optativas. En moitos casos estas materias xa tiñan o currículo desenvolto e concretamente para o alumnado que vaia cursar algún grao relacionado con estas ensinanzas e curse un BACH de ciencia debería ter a posibilidade de poder optar a estas materias. 

  • Da mesma forma o alumnado que elixe o BACH de Artes deberá ter opción a elixir como optativa a Historia Contemporánea xa que os movementos artísticos responden ás características da época na que nacen.

  • Esiximos dotación de materias optativas naquelas especialidades que contan na actualidade cun menor número de horas lectivas na oferta educativa de ESO e Bacharelato, para que os docentes desas especialidades poidan contar con horario suficiente (Música, Grego, Latín, Francés, Debuxo, Filosofía, etc). REXEITADO. ARGUMENTAN QUE SE FIXO UN ESTUDO DAS OPTATIVAS CON MAIOR DEMANDA NOS ÚLTIMOS ANOS. 

  • Consideramos que en todos os casos nos que exista posibilidade horaria no centro para impartir unha materia non se debe establecer ningún número mínimo de alumnado. E nos casos nos que non haxa posibilidade horaria establecer o número mínimo no currículo, pero atendendo ás características do centro e da súa contorna. É dicir, que nos centros rurais o número mínimo debe ser por debaixo de 5, xa que o alumnado non ten posibilidade de elixir a materia de ningunha outra forma.  REXEITADA. NA ORDE DEBE FIGURAR UN CRITERIO OBXECTIVO. 

 

  1. Rogos e preguntas. 

  • Demandamos a publicación inmediata das listaxes de substitucións e interinidades do corpo de mestres derivadas do último procedemento selectivo. Na especialidade de Lingua Francesa fai semanas que se terminou a lista, tendo que recorrer a partir de agora á lista de Educación Primaria. Deberían publicarse canto antes.

  • Demandamos un complemento equiparación para os PTFP que non poden pasar a PES. Advertimos que nalgunha comunidade autónoma como A Rioxa xa hai un compromiso sindical. 

  • Solicitamos a apertura de listas en determinadas especialidades con dificultades para a cobertura de substitucións na actualidade (590107 – Informática, 591227 – Sistemas e aplicacións informáticas, 590124 – Sistemas electrónicos: 591202 – Equipos electrónicos: 591206 – Instalacións electrotécnicas e 590125 – Sistemas electrotécnicos e automáticos. Os substitutos libres teñen restriccións, o que limita aínda máis a cobertura das posibles vacantes. QUEDAMOS EN PASARLLES OS DATOS E RECOÑECEN QUE ESTÁN A PIQUES DE SACAR UNHA CONVOCATORIA DE LISTAS ABERTAS. 

  • Solicitamos a publicación da convocatoria de licenzas de formación, para que se leven a cabo no segundo e terceiro trimestre, xa que xa pasaron por mesa sectorial en xuño, acumulando un retraso na publicación inexplicable. ESTÁN PENDENTES DUN INFORME DE FACENDA, PARA PODER PUBLICALAS EN 2023

  • Denunciamos que a aplicación para realizar programacións didácticas PROENS non está adaptada a realidade da etapa de Educación Infantil, e menos aínda a centros específicos como CRAs ou EEI. Esiximos que se fagan as adaptacións necesarias na aplicación para poder realizar as programacións adaptadas a esta importante etapa e solicitamos que en consecuencia, o prazo para achegar as programacións nesta etapa se extenda o tempo necesario para que se implementen tales modificacións. A CONSELLERÍA ACLARA QUE CON RESPECTO Á DATA DE ENTREGA DAS PROGRAMACIÓNS SE LLES PEDIU FLEXIBILIDADE NA ENTREGA DAS PROGRAMACIÓNS XA NAS INSTRUCIÓNS DE PRINCIPIO DE CURSO E QUE NON SE ESIXIU QUE FOSE O 30 DE NOVEMBRO EN CONCRETO. A IDEA É SEGUIR FACENDO MÁIS FORMACIÓN TANTO EN PROENS COMO NO NOVO CURRÍCULO. NO QUE RESPECTA A EDUCACIÓN INFANTIL, A CONSELLERÍA TEN UNHA RESPOSTA A MODO DE DIRECTRIZ DE ADAPTACIÓN DE PROENS Á REALIDADE DESTA ETAPA. 

  •  Solicitamos que as persoas contratadas para PROA teñan o mesmo cómputo horario que o resto de docentes: ½ xornada = 12,5 sesións. VAN FACER UNHA REVISIÓN DA APLICACIÓN DO PROA. 

  • Preguntamos acerca dos ROCS. NOS INFORMAN QUE NON TEÑEN PREVISTO TRAELOS A MESA SECTORIAL ESTE CURSO. 

  • Preguntamos acerca do concurso de prazas dos equipos de Orientación específico. Previsión de traelo en xaneiro á mesa. 

  • Preguntamos sobre o problema de pago de onte e din que se subsanará a raíz da resolución provisional e se vexan excluídos por falta de pago, van poder subsanalo nese momento. 

  • Adiantan que a previsión da resolución provisional do CXT é mediados de febreiro.