Xuntanza extraordinaria da Comisión de Persoal

O día 28 de outubro celebrouse a xuntanza extraordinaria da Comisión de Persoal. A CIG votou en contra da recuperación da carreira profesional para todo o persoal e a CSIF fixo un dos típicos malabarismos, votando a medias e deixando tirado ao persoal laboral.

Publicado o 02 de novembro de 2022

O día 28 de outubro, celebrouse a xuntanza extraordinaria da Comisión de Persoal na que se trataron os seguintes puntos da orde do día:

Punto primeiro.- Proxecto de acordo para o recoñecemento da progresión da carreira administrativa do persoal funcionario da Xunta de Galicia.

Nesta xuntanza tratábase de recuperar un acordo de carreira profesional para os graos I e II extraordinarios, anulado pola sentenza da CIG, que xa causou a perda da parte que correspondía cobrar no ano 2021, polo que había que apurar a súa aprobación para non seguir acumulando mais perda. O novo acordo, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2022, recolle o pago do 60% no o ano 2022, do 20% no ano 2023 e o restante 20% no ano 2024 (as cantidades do 2022 cobraranse nun pago único, ás que se lle aplicaran o incremento do 1,5% adicional). Por tanto como se cumprían as nosas peticións básicas; ampliación do ámbito subxectivo a todo persoal funcionario; redución a tres anos os períodos de cobro para tódolos grupos; cobrar a partir do 1 de xaneiro de 2023 o 80% das cantidades correspondentes a cada grao, o VOTO de CCOO foi A FAVOR.

Punto segundo.- Proxecto de acordo para o establecemento do complemento de desempeño do posto de traballo para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Nese punto valen os mesmos argumentos que no punto anterior, pois tamén se amplía o ámbito subxectivo a todo o persoal laboral (agás os que decidiron voluntariamente non funcionarizarse, pero que poderán facelo en sucesivas repescas), e como as cantidades a aplicar e os seus efectos son os mesmos que para o persoal funcionario, o VOTO de CCOO foi A FAVOR.

De que serviu entón a sentenza que anulou a carreira do persoal de función pública?

  • Perder os atrasos do ano 2021.
  • Ter que negociar de novo a aplicación da extensión a todo o persoal, que xa se acordara na xuntanza da Comisión de persoal, do día 23 xullo de 2019 e que Función Pública non aplicou, co argumento da presentación de demandas xudiciais.

En definitiva, para recuperar o acordo do ano 2019, que estableceu os incrementos salariais máis altos acadados na administración xeral da Xunta de Galicia, houbo que volver a mesa de negociación e desbloquear a carreira profesional, anulada pola sentenza firme do TSXG á instancias da CIG, para continuar cobrando o dereito recollido na disposición oitava da LEPG.

Coa aprobación destes dous acordos queda constatada, unha vez mais, a falta de coherencia, o oportunismo e a nula visión sindical, tanto da CIG como da CSIF, que prefiren xudicializalo todo, en lugar de apoiar as melloras tanxibles que se van acadando para o conxunto do persoal.

Punto terceiro.- Proxecto de acordo polo que se establecen os criterios xerais que rexerán os procesos selectivos derivados da lei 20/21, de estabilización do emprego público.

Tratábase dunha negociación moi complexa, na que era moi difícil contentar a todo o universo de traballadores/as afectados por esta estabilización de emprego. A pesar de certas incomprensións (unhas mais razoables que outras), consideramos que, a medida que se vaia analizando o documento, se iran calmando certas criticas, sobre todo porque na parte de acceso solo por concurso de méritos alcanzouse un equilibrio, de primar ao persoal que está traballando actualmente pero dentro da legalidade que marca a propia lei.

Os aspectos mais salientables son:

  • No caso do concurso, o baremo será de 70% experiencia profesional e 30% outros méritos
  • A valoración da experiencia profesional constará de dous apartados (servizos prestados na Administración ou entidade convocante, a 0,3 puntos/mes, e servizos prestados noutras administracións ou entidades distintas da convocante, a 0,125 puntos/mes)
  • No apartado de cursos formación, a parte dos demais cursos, tamén se inclúen os impartidos polo antigo INEM, cunha valoración total de ata 17,5 puntos (esta ampliación na puntuación, permite compensar, vía horas de formación, aos participantes que non tivesen exames aprobados).
  • Pola superación de exercicios ou probas de procesos selectivos, a puntuación queda en 7,5 puntos, pero valoranse ata tres exercicios ou probas. Retirase o data posterior ao 01.01.2002, quedando esta cuestión para dirimir nas bases da cada convocatoria.
  • A puntuación do galego queda como estaba.

Tendo en conta que entre o primeiro borrador da administración e o que definitivamente se aprobou na comisión de persoal de hoxe, calquera parecido e simple casualidade, o VOTO de CCOO foi A FAVOR.

Punto terceiro.- Proxecto de acordo para a racionalización dos procesos de eleccións sindicais, así como para a determinación dos ámbitos electorais do persoal funcionario e laboral dependente da dirección xeral de función pública.

Este acordo ven motivado polo amplo proceso de funcionarización que se puxo en marcha como consecuencia do acordo de concertación social para o emprego público, asinado no ano 2019, e pola estabilización do persoal derivada da lei 20/21. Había que acomodar as datas de eleccións sindicais, as tomas de posesión derivadas da estabilización e da funcionarización, e ao mesmo tempo establecer novos ámbitos electorais do persoal funcionario e laboral dependente da dirección xeral de función pública.

Como consideramos que ámbalas partes fixemos un esforzo de comprensión mutua para acadar este necesario acordo, o VOTO de CCOO foi A FAVOR.