CCOO reclamará por vía xudicial os sexenios en concertada

Conforme á nova redacción dada ao artigo 117.4 da LOE, entendemos que a Administración está obrigada a dar os pasos para que a igualdade retributiva entre o ensino público e o concertado sexa realmente efectiva. Tal igualdade retributiva non será posible se non se incorporan os sexenios.

CCOO vimos reclamando reiteradamente desde hai anos a súa implantación. Ao tempo, instamos a Consellería de Educación a que convoque a Mesa Tripartita do Ensino Concertado para, vinculada a esta petición, resolver a paga de antigüidade e avanzar cara á súa transformación en sexenios.

CCOO vémonos na obriga de acudir á vía xudicial porque a Administración fai caso omiso das nosas peticións de tratar este asunto. Ademais, persiste en manter na lei de orzamentos a cláusula que impide formalizar acordos cos traballadores e traballadoras do ensino concertado e, nomeadamente, o da paga de antigüidade.

De existir boa vontade por parte do Goberno galego, a implantación dos sexenios e a paga de antigüidade debería estar resolta, tal como fixeron xa outras comunidades autónomas nas que parece existir unha maior sensibilidade cara aos traballadores e traballadoras do ensino concertado.