Modificación do Real Decreto 1364/2010 de Concurso de Traslados e contabilización do tempo de servizos como docente interina/o e en prácticas

O Ministerio de Educación e FP (MEFP) convocou de urxencia ás organizacións sindicais para dar cumprimento á sentenza 1081/2022 do Tribunal Supremo e que o tempo de servizo como interino/a docente e como funcionario/a en prácticas previo a adquirir a condición de funcionario de carreira sexa contabilizado nos concursos de traslados docentes.  BORRADOR Texto modificación RD 1364-10

Publicado o 22 de setembro de 2022

A sentenza é clara e na súa conclusión establece: “A valoración dos servizos prestados como funcionario de carreira, persoal fixo, e como funcionario interino ou persoal de duración determinada, non poden ser obxecto de valoración diferente, xa sexa obviando o traballo desenvolvido polos funcionarios interinos, xa sexa conferindo ao mesma menor puntuación, a condición de que se refiren aos mesmos postos de traballo mediante a realización das mesmas ou asimiladas funcións. A solución contraria á exposta supoñería incorrer nun trato discriminatorio que proscribe a Directiva 1999/70/CE do Consello, do 28 de xuño de 1999, relativa ao Acordo marco da CES, a UNICE e o CEEP sobre o traballo de duración determinada, a teor da xurisprudencia do TJUE nos termos expostos no fundamento anterior”.

CCOO leva moito tempo reclamando unha negociación sobre o Concurso de Traslados e agora o Ministerio, con présas e de maneira atropelada, leva a unha Mesa Extraordinaria esta cuestión concreta. É unha sentenza á que hai que dar cumprimento, pero debería preverse con máis tempo esta cuestión e negociar o concurso de traslados no seu conxunto.

O Ministerio fíxonos chegar no último momento a proposta de modificación e nela modifícanse os apartados 1.2 e 1.3 do Anexo I e o 1.3.2 do Anexo II de antigüidade nos distintos corpos para engadir a de funcionaria/o en prácticas e a de interina/o á xa contemplada de funcionaria/o de carreira. Mantéñense igual o resto dos apartados, incluíndo o 1.1.1 de antigüidade no centro como funcionario/a de carreira con destino definitivo, o 1.1.2 de tempo como funcionario/a con destino provisional e o 1.1.3 de tempo como funcionario/a de carreira en centros de especial dificultade.

En relación ao apartado 4 do baremo relativo ao desempeño de cargos e funcións non sendo funcionario de carreira, o MEFP expuxo que o cambiará na Orde de normas procedementais ao non ser obxecto do RD. Tamén informou que pode haber un atraso nas datas previstas para o Concurso de Traslados deste ano, para aplicar os cambios no RD e na Orde, pero que aínda non está confirmado.

CCOO expuxo que, igual que se cumpre esta sentenza e a normativa europea na que se basea, é necesario aplicar o efecto retroactivo e o resto de medidas do RD de paso a Secundaria dos e as PTFP, que está no trámite do Consello de Estado, ao persoal interino e en prácticas. CCOO presentou no seu momento emendas neste sentido que deben ser aceptadas, pois se basean no concepto de non discriminación marcado pola normativa europea, e se non se rectifica darán lugar a problemas e a sentenzas xudiciais no futuro.

CCOO tamén preguntou como se vai a articular o primeiro concurso de traslados no que participen as persoas que obteñan a súa praza polo concurso de méritos extraordinario, que non ten fase de prácticas. Este colectivo non está contemplado actualmente no concurso de traslados e é necesario que se regule esta situación excepcional, pois non pode asimilárselles ao funcionariado de carreira, con destino definitivo ou provisional, que participa nos concursos de traslados nin ao profesorado que participa desde a situación de funcionario/a en prácticas. O Ministerio non contestou a esta cuestión e isto é moi preocupante.

CCOO segue reclamando, pero neste momento é especialmente importante que afloren para o próximo concurso de traslados todas as vacantes e estean dispoñibles para o actual profesorado funcionario de carreira ou en prácticas. Tamén é especialmente importante conseguir que as condicións de prórroga de contratos nos meses de verán do profesorado interino sexan as mellores nas diferentes administracións para evitar agravios comparativos.

O sindicato lembrou ao MEFP os temas prioritarios para os que hai que establecer un calendario de negociacións:

  1. Diminución da carga lectiva, redución do horario de permanencia e mellora das cocientes
  2. Todos os corpos docentes deben ser grupo A1 e subida a nivel 26 dos corpos de Secundaria, FP e RE.
  3. Xubilación anticipada, voluntaria e incentivada para todas e todos.
  4. Regulación específica docente da saúde laboral, @teniendo en cuenta tamén os riscos psicosociais.
  5. Mellora real da formación inicial e non cribas.
  6. Formación permanente con recursos e dentro do horario laboral.
  7. Unha verdadeira carreira profesional, atractiva, articulada e ben incentivada.
  8. Revisión do ingreso e acceso primando aspectos pedagóxicos cunha fase de prácticas con recursos, realmente formativa e ben planificada.
  9. Concreción das funcións do profesorado para evitar a acumulación de tarefas e o exceso de burocracia.
  10. Mellora e homologación á alza das condicións retributivas e laborais do profesorado, incluíndo tamén licenzas e permisos e acción social.