CCOO mobilízase en defensa do convenio colectivo de Centros e Servizos de Atención a persoas con discapacidade

Este 14 de setembro CCOO concentrouse #ante as sedes de AEDIS, Plena Inclusión e CERMI das principais cidades do territorio nacional. En defensa dun convenio xusto, dun salario digno e contra o inmobilismo patronal, centos de traballadores e de traballadoras secundaron a convocatoria realizada para esixir unha negociación real que garanta o mantemento do poder adquisitivo mediante a aplicación do artigo 32 ou a través da inclusión de clausulas de revisión salarial, así como o cumprimento dos compromisos adquiridos en materia social.

AEDIS, a patronal maioritaria, non tardou en tacharnos de irresponsables por bloquear a negociación e por xudicializar o incumprimento do artigo 32 e a absorción que moitas entidades realizan de complementos salariais non absorbibles e non compensables. E que esperaban? Que nos cruzásemos de brazos? Que lles aplaudísemos?

As táboas salariais de 2022 xa deberían estar revisadas conforme ao artigo 32 e asinadas. Non é así pola intransixencia patronal e a súa negativa para cumprir co disposto no XV convenio colectivo. Eles son os irresponsables. Se asinan as táboas, acábase o conflito. Así de sinxelo. A quen pretenden enganar cos seus comunicados? A nós, non. Aos dirixentes doutras organizacións sindicais que lles seguen o xogo e que no canto de mobilizarse en defensa dos traballadores e traballadoras do sector dedícanse a criticar a CCOO comodamente desde o sofá de casa, parece que si os embaucaron. O de “salario ou conflito” está claro que non vai con eles…

Se as organizacións patronais non rectifican e seguen ninguneando a negociación colectiva e o cumprimento do artigo 32, as medidas de presión irán en aumento e acabaranse por trasladar aos centros de traballo. Se a defensa dos dereitos das persoas discapacitadas pola que din traballar AEDIS ou Plena Inclusión pasa por negarlles o dereito básico a un salario digno, que lles permita levar unha vida digna, ou se o modelo de emprego que propoñen pasa pola mercantilización do sector e pola precarización do conxunto das persoas traballadoras, entón CCOO seguirá poñendo todos os seus recursos ao dispor desas persoas e mostrará o seu lado máis belixerante e menos amable.

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS