Novo protocolo COVID para os centros educativos

O Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2021-2022 na súa versión do 20 de maio de 2022 recollía as indicacións contempladas no documento “MEDIDAS DE PREVENCIÓN, HIGIENE Y PROMOCIÓN DE LA SALUD FRENTE A COVID-19 PARA CENTROS EDUCATIVOS” do 3 de mayo de 2022. Este documento flexibilizaba as recomendacións relativas á Covid-19 de acordo coa situación epidemiolóxica e o avance da vacinación. Así, avanzábase conforme á estratexia de vixilancia e control que centraba as actuacións na protección das persoas e ámbitos máis vulnerables, así como na abordaxe dos casos graves de Covid-19.

Dada a efectividade destas medidas e a situación epidemiolóxica favorable, con diminución da transmisión e niveis moi altos de vacinación considérase procedente a flexibilización das diferentes recomendacións que se mantiñan en vigor. Non debe esquecerse o excelente desempeño da comunidade educativa durante os cursos previos e a súa experiencia acumulada, o que permitiría a rápida implementación de medidas de producirse escenarios epidemiolóxicos máis desfavorables que así o requiriran.

Así, durante o curso 2022-2023 non haberá un protocolo específico de adaptación ao contexto da Covid-19 no ámbito educativo. Non obstante, será preciso observar unha serie de recomendacións:

1. Ventilación de espazos.

A axeitada ventilación tense amosado como unha medida de saúde e hixiene eficaz na prevención de diferentes enfermidades e a redución da propagación aérea de patóxenos. Realizaranse tarefas de ventilación cruzada frecuente nas instalacións. É recomendable ventilar por espazo de polo menos 15 minutos ao inicio da xornada, 15 minutos ao remate de cada xornada (mañá e tarde), durante os recreos, e durante as clases e entre estas sempre que as condicións climatolóxicas o permitan. As recomendacións xerais de ventilación vixentes en cursos anteriores seguen a ser válidas.

2. Hixiene de mans e hixiene respiratoria

Promoverase o lavado de mans regular, especialmente antes e despois de comer, despois de ir ao baño e logo dos recreos.

De igual xeito deberase gardar unha axeitada hixiene respiratoria polo que ao tusir ou esbirrar cubrirase a boca e o nariz coa cara interior do cóbado ou cun pano

3. Uso de máscara

A máscara utilizarase no transporte escolar de acordo ao previsto con para o transporte con carácter xeral.

Recoméndase o uso da máscara:

  • A persoas que presenten síntomas compatibles coa Covid -19.

  • A persoas con criterios de vulnerabilidade, especialmente en situacións de alta incidencia comunitaria.

A persoas que presenten sintomatoloxía respiratoria, con ou sen sospeita de Covid-19.

En todo caso porase especial coidado en coidar e previr a estigmatización das persoas que, con condicións de risco de Covid-19 ou por decisión persoal, utilicen máscara.

4. Actuación ante síntomas compatibles e casos positivos de Covid-19

Os centros educativos non son considerado ámbito vulnerable polo que non está indicada a realización de probas diagnósticas salvo para aquelas persoas que cumpran os criterios de vulnerabilidade previstos nos protocolos de vixilancia da Covid-19.

Con carácter xeral, se unha persoa presenta síntomas compatibles coa Covid-19 non precisa illamento pero deberá utilizar máscara e manter una hixiene de mans e respiratoria axeitada. Tamén evitará a interacción con persoas vulnerables. En calquera caso, se a sintomatoloxía lle impide asistir con normalidade ao centro, non acudirá, como no caso de calquera outra enfermidade común.

Para garantir unha resposta rápida e efectiva no caso de cambio de escenario epidemiolóxico, dar a coñecer estas recomendacións e facilitar a coordinación cos servizos educativos e sanitarios en caso necesario todos os centro educativos contarán cun Equipo Covid.

Debe recalcarse que a vacinación contra a Covid-19 axuda a protexer ás persoas e evita a enfermidade grave en todas as idades, diminuíndo o problema que a enfermidade causa a nivel educativo, sanitario e comunitario.

Este conxunto de recomendacións son obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Así, iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación epidemiolóxica así o requiren.

Pode consultarse a “Nota de actualización del documento de MEDIDAS DE PREVENCIÓN, HIGIENE Y PROMOCIÓN DE LA SALUD FRENTE A COVID-19 PARA CENTROS EDUCATIVOS” do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde en https://www.sanidad.gob.es/profesionales/saludPublica/ccayes/alertasActual/ nCov/documentos/2022_09_05_Nota_actualizacion_Medidas_C_educ_covid.pdf