A Consellería de Educación engana ao profesorado en prácticas coa organización dun macroacto de carácter exclusivamente propagandístico

CCOO esixe unha rectificación inmediata á Consellería deixando claro o carácter voluntario da xornada e non teña a consideración de formación inicial cando non fora publicitado con anterioridade. 

Publicado o 01 de setembro de 2022

A Consellería inicialmente convidou ao profesorado en prácticas a unha xornada de benvida (o día 1 profesorado do corpo de mestres e o día 2 o resto de profesorado) a través do correo electrónico indicando que a asistencia era recomendable.  

Logo do fracaso estrepitoso de asistencia desta primeira xornada, a Consellería enviou hoxe unha mensaxe de texto móbil aos máis de 1000 docentes en prácticas dos corpos de secundaria informando de que a súa xornada (a do venres 2 de setembro) forma parte da formación inicial e a asistencia é obrigatoria contradecindo o email enviado anteriormente. 

Cómpre recordar que a formación inicial para o profesorado en prácticas está recollida na Orde da convocatoria e consiste exclusivamente nun curso de formación de lingua galega de 20 horas e un curso de formación en igualdade e prevenicón e loita contra a violencia de xénero (Decreto 70/2017). 

A Consellería pretende utilizar políticamente , facendo seu un acordo estatal entre CCOO e outras OOSS co Ministerio de Educación que deu lugar a unha histórica oferta de emprego polo que estaba na obriga de convocar.

Porén, resulta lamentable que se dea prioridade a un acto meramente político sobre a obriga que ten o profesorado nos primeiros días de setembro de asistir ao seu centro de destino para tomar posesión e para a elección de grupos e horarios. Atopámonos ante unha mostra máis do desprezo do PP polo ensino público, así como da improvisación de quen dirixe e organiza este servizo. 

CCOO esixe unha rectificación inmediata á Consellería deixando claro o carácter voluntario da xornada e non teña a consideración de formación inicial cando non fora publicitado con anterioridade.