CCOO denuncia que as patronais de Atención a Persoas con Discapacidade pretenden lucrarse á custa dos salarios das persoas traballadoras

A negativa sistemática das organizacións patronais presentes na mesa negociadora a cumpriren co disposto no artigo 32 do convenio colectivo sobre a revisión salarial que se acordou no seu momento para 2022, obriga a Federación de Ensino de CCOO a interpoñer conflito colectivo ante a Audiencia Nacional en defensa das retribucións das persoas traballadoras do sector, tras un ano de negociacións.

A actitude inmobilista das entidades e empresas e a súa aposta por pasar polos tribunais, mantida no acto de mediación celebrado o pasado 8 de xullo, no que CCOO chegou a presentar ata tres propostas retributivas diferentes para desencallar a negociación, lévanos a un escenario de incerteza que, a medio prazo, pode poñer en risco a viabilidade económica daquelas entidades que deixen de aboar o regulado no actual convenio. Ter que desembolsar os salarios pendentes dentro de dous ou tres anos, unha vez haxa sentenza definitiva, suporá un pau económico de magnitudes imprevisibles. Con tal de evitar futuros desaxustes económicos e garantir o mantemento do emprego, CCOO recomenda ás empresas do sector que actualicen as táboas salariais consonte o establecido no convenio colectivo.

Nun contexto económico de alza de prezos, é imprescindible garantir o poder adquisitivo das persoas traballadoras, en especial daquelas con retribucións máis baixas. A resistencia das patronais a incluír cláusulas de revisión salarial no novo convenio que se está a negociar e, ao tempo, o seu incumprimento co pactado no anterior, xera unha situación insostible que o sindicato non vai permitir. Se sumamos a súa pretensión de rebaixar o alcance das melloras sociais xa comprometidas na negociación, o conflito está servido. Por todo iso, CCOO anunciará a convocatoria de próximas mobilizacións que se enmarcarán na campaña confederal de «Salario ou Conflito».

Resulta sorprendente que as Administracións públicas xa estean recollendo nos pregos de licitación os incrementos salariais que se pactaran no XV Convenio Colectivo para 2022 e que as patronais se neguen a aplicar esas subas. A actitude absolutamente economicista das organizacións patronais, radicalmente oposta á que tiveron os traballadores e as traballadoras nas etapas máis duras da pandemia, supón desprezar o labor que realizaron en condicións extremadamente adversas por falta de recursos e de equipos de protección. Nun sector de marcado carácter social, pretender lucrarse á custa dos salarios das persoas traballadoras e precarizar as súas condicións laborais parece, como pouco, indigno e acaba repercutindo no servizo, financiado con fondos públicos, que reciben as persoas usuarias e as súas familias.

CCOO vai ser moi belixerante se o modelo de emprego que propoñen pivota sobre a precariedade laboral. Como sindicato máis representativo do sector, non imos tolerar escusas de mal pagador nin actuacións que representen unha redistribución partidista e desigual dos recursos económicos que as Administracións están destinando ás entidades. 

A Federación de Ensino de CCOO fará un chamamento ao conxunto de traballadoras, traballadores, persoas usuarias e familias, para que participen das mobilizacións en defensa do xa pactado e dunha negociación que permita abordar os problemas reais que lles afectan diariamente.