Manifesto da Federación de Ensino de CCOO no Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

Un dos principais obxectivos desta organización é a loita contra a LGTBIQ+fobia, principalmente nos centros de traballo. CCOO foi, é e será punta de lanza do sindicalismo LGTBIQ+.

Publicado o 28 de xuño de 2022

A Federación de Ensino de CCOO estivo, e estará sempre, pola defensa dos dereitos humanos de todas as persoas e en contra de toda forma de discriminación, desigualdade e violencia, así como de calquera discurso de odio.

Hoxe, 28 de xuño de 2022, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, un día despois de que o Consello de Ministros aprobase a coñecida como Lei Trans, CCOO ensino recoñece o importante avance para a nosa sociedade que implica o marco lexislativo; pero, a pesar do avance que supón, non podemos deixar de reivindicar e loitar polo fin da LGTBIQ+fobia e os discursos de odio que, da man das mensaxes promovidas desde a ultradereita, volven estar presentes na sociedade e, por suposto, nos centros de educativos e nos de traballo.

CCOO dispón na súa estrutura de secretarías de igualdade e responsables en políticas LGTBIQ+, que, xunto coa rede de activistas e sindicalistas LGTBIQ+, traballan incansablemente para levar á acción sindical as súas propostas. O pasado 16 de xuño presentouse un DOCUMENTO DE PROPOSTAS DE CCOO PARA A NEGOCIACIÓN COLECTIVA, que inclúe modelos de cláusulas xerais de igualdade de trato e non discriminación, e cláusulas específicas en materia de acceso ao emprego, formación, promoción, permisos ou saúde laboral, entre outras.

Desde a Federación de Ensino de CCOO, unha vez máis, comprometémonos coas reivindicacións propias do noso sector:

Situar a educación en diversidade afectivo-sexual nos proxectos curriculares de centro, nos programas educativos e na lexislación obrigatoria, como medidas de prevención da LGTBIQ+fobia na sociedade en xeral.

  • O deseño e posta en marcha de protocolos de atención ao alumnado trans en todas os CC. AA.
  • A promoción de plans de igualdade, convivencia e diversidade en todos os centros educativos, vinculados aos proxectos educativos de centro.
  • A elaboración dun plan de protección do profesorado LGTBIQ+, para o que é urxente contar con recursos e medidas de promoción da convivencia.
  • A creación de redes de apoio para conseguir espazos seguros e libres de LGTBIQ+fobia.
  • Reiteramos o noso compromiso por unha educación en igualdade, diversidade e libre de violencias para docentes, alumnado e as súas familias.

Documentación asociada: