Anos de loita e #OrgulloDeSer no traballo

  • Porque foron, somos. Porque somos, serán.
  • En CCOO, como sindicato de clase e axente de igualdade, levamos anos traballando a prol dos dereitos sociais e laborais das persoas LGTBI+ e en contra de calquera discriminación por razón de orientación sexual ou identidade ou expresión de xénero. Anos pelexando por erradicar a violencia e o acoso. Por garantir o respecto á dignidade das persoas e a súa diversidade. Pola salvagarda, en definitiva, dos dereitos humanos. 

Publicado o 27 de xuño de 2022

CCOO fomos, somos e seremos punta de lanza do sindicalismo LGTBI+. E somos conscientes da importancia de subliñar este compromiso, especialmente neste momento en que os discursos de odio campan polos seus respectos e prenden nas rúas, nos barrios, nos centros de traballo. Somos conscientes e gabámonos dos avances dos últimos anos, da nosa contribución a eles, pero tamén sabemos que temos que estar en garda ante o risco de retrocesos. Ante unha ultradereita que, por desgraza, xa está nas institucións e que ten nas persoas LGTBI+ e na diversidade un dos seus obxectivos, nin un paso atrás!

En CCOO, ao traballo sen armarios!

CCOO avanzamos na formación e sensibilización dos nosos delegados e delegadas e dotámolos de ferramentas transformadoras e útiles para mellorar a situación nas empresas. Destaca o noso «Documento de propostas de CCOO para a Negociación Colectiva», que inclúe modelos de cláusulas xerais de igualdade de trato e non discriminación e cláusulas específicas en materia de acceso ao emprego, formación, promoción, permisos ou saúde laboral, entre outras.

As nosas liñas estratéxicas en materia de emprego veñen recollidas, ademais, na nosa Plataforma Reivindicativa de Dereitos LGTBI+.

CCOO reclamamos:

− Cláusulas LGTBI+ nos convenios colectivos acordadas na negociación colectiva que sirvan para eliminar calquera discriminación laboral, garantir a formación e a sensibilización nas empresas e sancionar as condutas de acoso LGTBIfóbico, entre outras medidas. 

− O recoñecemento da LGTBIfobia como risco psicosocial.

− A promoción no marco da empresa de protocolos para a prevención e actuación fronte ao acoso por motivos de orientación sexual, identidade de xénero e/ou expresión. Encomendar á negociación colectiva que se inclúan protocolos, medidas ou procedementos neste sentido nos convenios colectivos, e con especial atención á protección dos dereitos e liberdades.

− O desenvolvemento e fomento da adopción de protocolos e medidas para persoas LGTBI+ no eido laboral, garantindo en todo momento que todos os dereitos laborais sigan intactos, incluíndo o dereito á intimidade e seguridade, independentemente da fase de transición en que se encontre se é persoa trans. No caso de cambio de nome rexistral, atenderase ao nome sentido. 

− A promoción da negociación de plans específicos de inclusión e diversidade LGTBI+ nas empresas que fomenten a creación de ambientes de confianza e garantan fórmulas non discriminatorias de acceso, contratación e promoción, así como o gozo de todos os dereitos recoñecidos na empresa. Se é necesario, traballarase por adecuar os recoñecementos médicos ás diferentes realidades. 

− O fomento dos currículos cegos nos procesos selectivos.

− O desenvolvemento de campañas de formación e sensibilización en espazos laborais destinadas a erradicar a LGTBI+fobia.

− A formación do persoal de oficinas de inserción laboral co obxectivo de ofrecer unha atención integral ás persoas LGTBI+. Favorecerase unha atención específica a persoas trans que aborde a súa situación de desemprego derivada das dificultades de inserción, especialmente das mulleres trans.

− A inclusión das persoas trans nos programas de inserción laboral que se realizan para colectivos en situacións de exclusión e vulnerabilidade.

− A introdución no réxime sancionador da tipificación de discriminación por orientación sexual e/ou identidade de xénero a través da negociación colectiva.

− Ter en conta a transversalidade de medidas que garantan estes dereitos laborais no Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC).

− A proposta de actualización sobre espazos pechados nos vestiarios para garantir a intimidade das persoas.

− A incorporación de medidas específicas de non discriminación por motivos LGTBI+ no Estatuto Básico da Función Pública, así como o marco da Administración xeral do Estado, as leis autonómicas e o Estatuto das Persoas Traballadoras.

− Promover que nos pregos de contidos das Administracións públicas se valore que as empresas que opten a contratos públicos teñan desenvolvidas e apliquen medidas contra a discriminación por diversidade sexual, identidade e expresión de xénero. 

En CCOO sumámonos ás reivindicacións do Orgullo este 2022 e animamos a toda a nosa afiliación a acudir aos actos e manifestacións que terán lugar en todo o territorio español. 

Polo pasado, polo presente e, sobre todo, polo futuro, continuamos coa nosa loita polo #OrgulloDeSer no Traballo