Educación propón cambios técnicos no ingreso e acceso á profesión docente que afectan o cómputo dos títulos de idiomas

O Ministerio de Educación e FP ( MEFP) convocou, con carácter extraordinario, ás organizacións sindicais que forman parte da Mesa Estatal de Negociación Docente coa única orde do día de “Avaliar as sentenzas relativas á valoración como mérito dos certificados acreditativos do coñecemento de idiomas estranxeiros”. Segundo alega o MEFP, diferentes sentenzas xudiciais obrigan a considerar e incluír outros certificados de nivel avanzado, aínda que non sexan outorgados polas escolas oficiais de idiomas. Para dar resposta a tales sentenzas, o Ministerio propón a necesidade de complementar o apartado 2.4 do Anexo I, no que se establece unha puntuación para as “titulacións de ensinos de réxime especial outorgadas polas Escolas Oficiais de Idiomas” (0,5 puntos por cada certificado de nivel avanzado), cun apartado de nova creación, o 2.5, que computaría os certificados de coñecemento dunha lingua estranxeira expedidos por centros oficiais que se determinen nas convocatorias e acrediten a competencia lingüística nun idioma estranxeiro de nivel avanzado C1 ou C2, segundo a clasificación do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (0,5 puntos por cada certificado de nivel avanzado). 

CCOO entende que as sentenzas xudiciais son de obrigado cumprimento e que, por tanto, deben ser respectadas, e entende consecuentemente a actuación do MEFP para a modificación do citado anexo. Con todo, o sindicato afirma que este recoñecemento non pode ser óbice para que o Ministerio faga unha defensa dos ensinos públicos, e impulse e facilite de maneira decidida, clara e con recursos o aumento significativo das prazas e os ensinos nas escolas oficiais de idiomas. Así mesmo, defendeu que a certificación non pode quedar ao azar de entes privados e que, por iso, toda persoa que queira matricularse no ensino de idiomas ou acreditar a súa competencia debe ter garantido o acceso a unha praza e a esa posibilidade nunha escola oficial de idiomas pública. 

CCOO tamén expuxo a necesidade doutras adaptacións técnicas do regulamento de ingreso, como a mellora da contabilización da formación permanente para adaptala á situación e oferta actual, e, en concreto, contabilizar os cursos de menos de 3 créditos, aspecto sobre o que está a traballar o MEFP. Ademais, deberíase abordar canto antes a simplificación na adquisición de novas especialidades e no acceso a un corpo de nivel superior para as persoas funcionarias de carreiras, así como a actualización da normativa do concurso de traslados. Noutra orde de cousas, CCOO lembrou a urxencia por iniciar os traballos sobre aqueles temas pendentes de relevancia para o profesorado que foron longamente demandados e expostos polo sindicato nas mesas previas.