Reclamación sobre o período de adaptación en Educación Infantil

Trala publicación da Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23, constatamos o nulo interese da Consellería de Educación nos procedementos pedagóxicos e unha hipoacusia preocupante ante as peticións dos representantes dos traballadores.

Por en mans das familias, facer uso ou non, do perído de adaptación en Educación Infantil,  supuxo a inmediata protesta formal na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, mediante o seguinte escrito: 

Ante a publicación da Orde do 20 de maio de 2022 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2022/23, desde CCOO Ensino queremos mostrar, tal e como o fixemos na Mesa Sectorial do 5 de maio, o noso rexeitamento a eliminación do período de adaptación de infantil tal e como viña recollido ata o de agora nas respectivas ordes que establecían o calendario escolar para cada curso. 

Na citada Orde, no seu artigo 3.4 relativo ás actividades de inicio de curso, vén recollido que “Os centros docentes que impartan a etapa de educación infantil poderán optar por unha incorporación gradual do alumnado matriculado no cuarto curso da etapa, que non se prolongará máis alá do 17 de setembro de 2022. Para a planificación desta incorporación gradual, os centros docentes terán en conta a escolarización previa do alumnado, a existencia de irmáns ou irmás matriculados no centro, así como as necesidades familiares, garantindo, en todo caso, a atención a tempo completo do alumnado cuxas familias ou representantes legais así o soliciten. As medidas organizativas e pedagóxicas adoptadas para este período deberán ser aprobadas polo claustro de profesorado e incluídas na programación xeral anual”. 

Tal e como llo transmitimos á Consellería no seu momento esta decisión supón unha desconfianza e desprezo á profesionalidade do profesorado galego. Non podemos estar de acordo con deixar na voluntariedade das familias unha cuestión tan importante como a incorporación gradual do alumnado do cuarto curso de Educación Infantil. Partindo das seguintes premisas:

— O período de adaptación do alumnado de educación infantil que se incorpora por  primeira vez ao centro pretende suavizar a separación familiar no momento de  comezar a escola, así como axudar a establecer de xeito progresivo os primeiros  vínculos escolares do alumnado. 

— Asemade, permite aos titores e titoras realizar unha avaliación inicial que resulta  fundamental nesta etapa para detectar posibles dificultades que poidan xurdir ao  longo do curso. 

— Contribúe a xerar confianza entre o/a neno/a e os seus novos mestres e mestras e  compañeiros e compañeiras. A empatía con eles axudará o alumnado a minimizar  os efectos do desapego. 

— A ansiedade provocada polos novos estímulos vaise controlando  progresivamente. Para os pequenos todo é novo: a aula, as mestras, os  compañeiros e compañeiras etc. Para familiarizarse con todo iso precisan tempo. 

— Axuda a diminuír o sentimento de abandono. As xornadas reducidas acurtan o  tempo de espera dos pequenos, ao volveren coas familias nun breve período que  vai aumentando progresivamente. 

— Cumprir cun bo período de adaptación crea un vínculo positivo entre o alumnado  e a escola. Este sentimento esténdese a etapas superiores da educación. 

— Ademais, considerar o período de adaptación como unha actividade voluntaria  para as familias resultaría nunha confrontación entre a conciliación laboral e  familiar das familias e o dereito do alumnado a tal período e conseguir os  obxectivos deste.  

— Por último, esta medida suporía un ataque á autonomía pedagóxica dos docentes  e un desprezo á nosa profesionalidade.

Polo tanto, solicitamos que se proceda a facer unha modificación do artigo 3.4 da Orde do calendario escolar e se se elimine o carácter voluntario para as  familias, deixando que os centros determinen con criterios profesionais —como viña  sendo habitual— a duración e organización deste período, atendendo ás características de cada centro educativo. 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa 

Tal e como llo transmitimos á Consellería no seu momento esta decisión supón unha desconfianza e desprezo á profesionalidade do profesorado galego. Non podemos estar de acordo con deixar na voluntariedade das familias unha cuestión tan importante como a incorporación gradual do alumnado do cuarto curso de Educación Infantil.

Polo que CCOO Ensino afouta aos claustros a asinar unha petición para que a Consellería rectifique a súa postura sobre o período de adaptación en educación infantil para o vindeiro curso escolar e proceda a facer unha modificación do artigo 3.4 da Orde na se elimine o carácter voluntario para as  familias do período de adaptación

‌ PREME PARA DESCARGAR O MODELO DE ESCRITO