Toda a información da Mesa Sectorial do 01/06/2022

Publicado o 01 de xuño de 2022

RESUMO MESA SECTORIAL 01/06/2022

  1. Proxecto de Orde de modificación da Orde de 7 de xuño de 2018
  2. Valoramos positivamente para centros e persoal provisional o adianto da resolución definitiva de CADP de corpos de secundaria a inicios de agosto e que coincida coa resolución do corpo de mestres.
  • Consideramos que adiantar a restrición de provincia e zona e provincia un mes, de tal forma que o prazo establecido quede do 15 de xuño ao 15 de xullo, é demasiado cedo, e moitos dos participantes no CADP non saben, nin de forma provisional, se lles foi adxudicada unha vacante, polo tanto, restrinxirán zona e provincia de forma preventiva, incrementando un traballo burocrático na administración que podería en gran medida evitarse. 
  • Propoñemos, por tanto que o prazo de restrición se amplíe á totalidade do mes de xullo (artigos 33 e 34) xa que non interfire directamente na resolución do CADP. 

NON ACEPTADO

2.             Proxecto Orde concurso méritos para cubrir prazas de convenio

  • Consideramos razoable establecer convenios con centros ou institucións públicas. Co que non estamos de acordo é cos convenios con institucións privadas. 
  • Entendemos que debe ser a Consellería a que atendera a oferta educativa desde as súas propias estruturas en lugar de ter que facelo asociacións privadas. Reclamamos que a xestión de todas as ensinanzas que se imparten sexa en centros de carácter público, xestionados pola Consellería de Educación e non limitarse esta, unicamente, a dotalas de persoal.
  • Propomos incorporar como persoal que poida participar ao funcionariado en prácticas. 

ACEPTADO, INCORPORARÁN COMO PROFESORADO DESTINATARIO AO PROFESORADO FUNCIONARIO EN PRÁCTICAS

  • No proxecto solicitamos concretar o tipo e tamaño de letra, así como o separado nos 20 folios.
  • Consideramos que se debería permitir renunciar a algunha solicitude sen facelo a todas.
  • Solicitamos a eliminación da entrevista, e que en caso de facela se faga a todos e todas os/as aspirantes con coñecemento previo dos criterios de avaliación e de non facelo así que se nos aclare como se vai a puntuar a aqueles que non se lles faga a entrevista.
  • Consideramos que hai que ampliar a 5 días hábiles o período de reclamacións.
  • Esiximos que se expliciten de modo claro as directrices e características para a realización do proxecto.
  • Demandamos o establecemento de  criterios para comprobar de forma obxectiva como se acadan os requisitos marcados para cada praza. Debería especificarse que documentación se require para demostralo xa que en caso contrario queda en mans da comisión de forma subxectiva.
  • Consideramos no baremo que deben computarse as fraccións inferiores a un ano en canto a experiencia.
  • Entendemos que hai un erro na praza de Hostalería e Turismo ofertada na Escola de especialidades fundamentais da Estación Naval de A Graña-Ferrol (A Coruña) pon PTFP, cando é unha especialidade do corpo de PES.

AGÁS A INCLUSIÓN DO FUNCIONARIADO EN PRÁCTICAS COMO POSIBLES ASPIRANTES, NON VAN A ACEPTAR NINGUNHA APORTACIÓN MÁIS.

3.             Proposta addenda Acordo Interinidades

  • Valoramos positivamente a proposta de inclusión desta addenda ao acordo de interinos para posibilitar que o profesorado interino e substituto non vexa perigar o seu posto na lista por non presentarse ao proceso selectivo que se vai a celebrar en xuño.
  • Queremos manifestar, igual que xa o fixemos na comisión de seguimento do Acordo de Interinos, a nosa intención de asinar esta addenda e queremos deixar constancia en acta que esta posibilidade de non presentarse ao proceso selectivo e continuar nas listas só é posible asinándoa de forma responsable unha addenda a este acordo. 
  • Lamentamos que certas organizacións pretendan crear confusión e desconcerto nun proceso que ten moitas arestas e provoca certa tensión entre diversos colectivos.

4.             Rogos e preguntas

  • Resulta intolerable que a día 1 de xuño non se coñezan aínda as datas concretas, horario e sedes da presentación e primeira proba do concurso oposición. Esiximos que se publiquen canto antes.

EN MESTRES A PRESENTACIÓN E PRIMEIRO EXAME SERÁN O DIA 18, EN SECUNDARIA A PRESENTACIÓN SERÁ O DIA 19 E A PRIMEIRA PARTE DA PRIMEIRA PROBA (A SEGUNDA PARTE DA PRIMEIRA PROBA EN SECUNDARIA DEPENDERÁ DO TRIBUNAL)

  • Igualmente máis dun mes despois do sorteo dos vogais dos procesos selectivos, aínda non se publicaron os/s presidentes/as dos tribunais nin a composición definitiva dos tribunais. Demandamos que se publiquen coa menor dilación posible para que os tribunais poidan constituírse.
  • Ao mesmo tempo, resulta incomprensible que máis de seis meses despois da data de efectos de toma de posesión das persoas que accederon recentemente ao corpo de catedráticos/as, aínda non se materializou na súa nómina tales conceptos retributivos. Esiximos dende CCOO que non se demoren máis os efectos económicos do paso ao corpo de catedráticos/as. 

A ADMINISTRACIÓN ASEGURA QUE TRAS A PUBLICACIÓN NO BOE DOS NOMEAMENTOS, ABONARÁN CONCEPTOS E ATRASOS NA NÓMINA DE XUÑO.

  • Manifestamos a nosa preocupación polas instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2022-23, nomeadamente, a referencia a convocatoria dun claustro extraordinario antes do 15 de xullo no que se aprobarán os criterios pedagóxicos para a elaboración de horarios do alumnado. A dito claustro asistirán aqueles que vaian a prestar servizos no ano 2022/23. Esta modificación faise ao marxe da legalidade marcada pola Orde do 28 de xuño de 2010 e polos Regulamentos Orgánicos de centros (aínda vixentes).
  • Demandamos que se publiquen no portal educativo as instrucións de toma de posesión ao profesorado que foi adxudicado no último Concurso Xeral de Traslados, xa que xa fai máis de dous meses da publicación da resolución definitiva.
  • Denunciamos a situación xerada pola substitución de programa de catalogación de bibliotecas escolares pola nova aplicación KOHA, o que se traduce para os coordinadores/responsables e para os equipos de Biblioteca dos centros nun inxente traballo de catalogación de moitas horas a maiores das súas obrigacións actuais. Esiximos que os coordinadores/as e equipos de bibliotecas teñan unha compensación horaria acorde que permita facer esta optimización.

O DIRECTOR XERAL DE CENTROS E RECURSOS HUMANOS COMPROMÉTESE A REVISAR O TEMA

  • Ante a chegada de meses con altas temperaturas diúrnas, denunciamos a situación de centros con xornada partida que non poden desfrutar da xornada matinal en xuño e setembro por mor do transporte escolar. Exemplo, o CEIP de Quiroga, radicado nunha zona (o val do Sil) con altas temperaturas nas horas centrais do día, con consecuencias negativas evidentes para o confort e benestar do alumnado e para a saúde laboral dos traballadores/as do centro.
  • Solicitamos a Administración que nos clarifique se ten pensado ofertar concurso de prazas de asesorías este ano.

PREVISIBLEMENTE NON SE CONVOCARÁN PRAZAS DE ASESORÍAS. 

  • Solicitamos clarificación sobre datas e calendarización da negociación das convocatorias dos procedementos de estabilización.

INFORMAN QUE A NEGOCIACIÓN DO CONCURSO DE MÉRITOS PRESUMIBLEMENTE SE REALIZARÁ A COMEZOS DE SETEMBRO E QUE GALICIA NON REALIZARÁ O PROCEDEMENTO CONXUNTAMENTE CO MINISTERIO DE EDUCACIÓN E O RESTO DE CONSELLERÍAS

  • Solicitamos que a Administración aclare os aspectos derivados da execución da sentenza que afecta ao Corpo de Catedráticos/as de Música e Artes Escénicas.