Negociación do XVI convenio colectivo xeral de centros e servizos para persoas con discapacidade.

Na reunión celebrada o pasado 31 de maio, CCOO mostrou a súa preocupación pola pretensión das organizacións patronais de descafeinar e reducir o alcance das melloras sociais que se comprometeran a incorporar ao texto do novo convenio. Dende o sindicato insistimos en que a redacción do mesmo debe ser clara, concisa e breve para evitar interpretacións distintas á intención inicial manifestada polas partes.

Por outra banda, a ruptura das negociacións a principios de maio no marco da AENC, entre as organizacións empresariais e as centrais sindicais de CCOO e UGT, supón un novo escenario na negociación colectiva que incide directamente no ámbito do XVI convenio colectivo 

Como garantía do mantemento do poder adquisitivo dos salarios, CCOO propuxo a inclusión dunha cláusula de revisión salarial (en liña co expresado pola nosa Confederación) que permita axustar as subas salariais no caso de que a inflación sexa superior á de acordo , amosando ao mesmo tempo a nosa vontade de seguir avanzando na construción do novo convenio colectivo.

Trala negativa das organizacións patronais a incluír esa cláusula e a seguir negociando, esiximos a sinatura inmediata das táboas salariais tal e como recolle o artigo 32 do XV convenio colectivo de centros asistenciais e centros especiais de emprego. Unha vez máis recibimos un NON de resposta polo que CCOO anunciou que iniciará as accións xudiciais oportunas ante a Audiencia Nacional en defensa dos intereses dos traballadores do sector.

A intransixencia amosada para aplicar o disposto no artigo 32 supón un preocupante punto de inflexión na negociación colectiva no sector da discapacidade. A actitude absolutamente economicista das organizacións patronais, radicalmente contraria á dos traballadores nas fases máis duras da pandemia, supón desatender o traballo que realizaron en condicións extremadamente adversas por falta de medios e equipos de protección.

Se a súa posición non muda na próxima reunión, haberá conflito. Se o modelo de emprego de calidade que propoñen é este, CCOO convocará mobilizacións no sector. As persoas traballadoras e usuarios merecen moito máis.