Toda a información da Mesa Sectorial de 25/05/2022

 Nesta mesa tratouse:

Anteproxecto do Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia

Anteproxecto do Decreto polo que se establece o currículo do ámbito de Comunicación e ciencias sociais e do ámbito de Ciencias aplicadas dos ciclos formativos de grao básico de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

- Anteproxecto do Decreto polo que se establece a ordenación e currículo de Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

- Rogos e preguntas

Publicado o 25 de maio de 2022

INTERVENCION MESA SECTORIAL 25/05/2022

CCOO insiste na necesidade de negociar unha baixada de rateos e a volta ao horario de 18/21 horas en prol da mellora da calidade educativa e atención ao alumnado, favorecendo a coordinación e dinamización. 

 

CCOO rexeita que non se nos trasladasen os currículos concretos de cada materia para poder facer achegas, así como lamentamos que non se aproveitase esta reforma para alixeirar uns contidos sobredimensionados. 

 

CCOO móstrase contrario á reducción da autonomía dos centros en canto á planificación, organización e oferta das materias optativas. 

 

CCOO advirte que a terminoloxía que se está a empregar no referido á atención a ACNEAE non é coherente coa Orde do 8 de setembro de 2021, e se están a empregar en igualdade de condicións referencias a medidas ordinarias como extraordinarias. 

 

REVISARÁN SE A TERMINOLOXÍA NON É A CORRECTA

 

  1. Anteproxecto Decreto currículo ESO

  • Consideramos no preámbulo que ademais das referencias a un desenvolvemento sostible, educación intercultural... deberíase facer referencia á educación para a saúde, á corresponsabilidade, a cooperación entre iguais e a interdependencia persoal.

 

  • Propoñemos que no artigo referido á finalidade da educación secundaria obrigatoria se inclúa a referencia a valores sociais e respecto aos dereitos humanos así como unha referencia a que todos os elementos son imprescindibles para unha educación integral.

 

  • Esiximos que se modifique a redacción de prestarase especial atención á orientación educativa e profesional por “garantirase a atención educativa e profesional do alumnado”

 

  • Propomos incluír un novo apartado que faga referencia a que a educación secundaria se organizará de acordo cun modelo educativo baseado na filosofía coeducadora que minore o sexismo e o  androcentrismo, o recoñecemento da diversidade afectivo- sexual e a valoración crítica das desigualdades. 

 

  • Consideramos fundamental incluír que para a consecución de todos estes principios xerais a Conselleira de Educación garantirá o aporte orzamentario necesario, os recursos materiais e humanos así como unhas ratios máis baixas para poder desenvolver os procesos de ensinanza-aprendizaxe con calidade.

 

  • Propomos cambiar a redacción ou engadir matizacións de diferentes ítems dos principios xerais de etapa, de tal forma que queden así redactados: 

  • No artigo 7.c “Rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre mulleres e homes, defender a igualdade de dereitos e oportunidades e a igualdade real entre os sexos. Valorar e respectar a diversidade  de orientación sexual e de identidade e/ou expresión de xénero das persoas” 

  • No artigo 7.d, incorporar “a discriminación de persoas por motivos de etnia ou cultura, orientación sexual, identidade e/ou expresión de xénero, relixión ou crenzas, clase socioeconómica ou outras diversidades funcionais”

  • Facer referencia no artigo 7.h que ao finalizar a etapa “o alumnado deberá acadar as mesmas competencias na lingua e literatura galega e na lingua e literatura Castelá.”

  • Engadir no artigo 7.k despois de consumo se poña “responsable”.

  • Engadir referencias concretas ao patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galicia, participar na súa conservación e na súa mellora, e resepectar a diversidade lingüística e cultural, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara o exercicio dese dereito, que aparecía no decreto anterior e agora se omite. 

  • Engadir coñecer e valorar a importancia do uso da lingua galega como elemento fundamental para o mantemento da identidade de Galicia, tamén presente no currículo anterior e agora se omite. 

 

  • Rexeitamos que se estableza un número mínimo de alumnado para impartir unha materia sempre que haxa posibilidade horaria no centro, así como, nos nos casos nos que non haxa posibilidade horaria, establecer o número mínimo, pero atendendo ás características do centro e da súa contorna. 

 

  • Propomos no artigo 14.1 que se complete con unha referencia á coordinación entre os centros de EP e ESO.

ADMINISTRACIÓN RESPONDE QUE XA SE RECOLLE NA NORMA 

 

  • Solicitamos que se elimine a referencia á posibilidade de ampliación do calendario escolar. A autonomía do centro non debe materializarse en diferenzas referidas ao calendario escolar e ás condicións laborais do profesorado e o seu horario lectivo.

 

  • Pedimos que a referencia á vítimas do terrorismo e a prevención do terrorismo non exclúa outras violencias, engadindo, polo tanto, no mesmo rango de importancia a violencia machista. 

 

  • Solicitamos que cando o ámbito lingüístico e social non sexa impartido polo profesorado de lingua estranxeira no PDC a lingua estranxeira debe impartila o profesorado especialista.

 

  • Consideramos que hai que incorporar ás características da avaliación que sexa “flexible, participativa e contextual”.

 

  • Propomos incorporar na decisión da promoción os informes do equipo de orientación. 

 

  • Rexeitamos no referente aos criterios de promoción e titulación a proposta da Consellería e consideramos máis acaído que sexa o equipo docente o que tome as decisións de promoción e titulación, tal e como establece o RD. 

 

  • Solicitamos que se inclúa a obrigatoriedade da redución do horario lectivo para o profesorado que xestione ou coordine a biblioteca escolar.

 

  • Propomos a retirada da referencia ao mínimo dos 175 días lectivos do calendario escolar xa que está na Lei. 

 

ANTE AS NUMEROSAS ENMENDAS PRESENTADAS, A ADMINISTRACIÓN SOLICITA QUE LLAS REMITAMOS POR ESCRITO PARA CONSIDERAR SE INCORPORA A ALGUNHA AO ARTÍCULADO


 

  1. Anteproxecto Decreto currículo FPB

CCOO pide que se clarifiquen os criterios para que o alumnado acceda a un PDC ou a un grao de FPB, xa que esta modalidade aparece coa LOMCE que eliminaba os PDC e a LOMLOE vai a facer que convivan as dúas modalidades. 

 

CCOO solicita que se nos aclare onde se van a ofertar estas ensinanzas e como vai a garantirse o acceso a estas ensinanzas para aqueles que non a teñan no seu centro. 

 

CCOO considera inadmisible que non se os proporcionen os currículos básicos. O Anexo I para é descoñecido polo que non podemos facer achegas.

 

CCOO  considera que a norma debería garantir de forma prioritaria, e non o fai, a atención individualizada e uha acción titorial de calidade. Só se proxecta una única hora prevista para a atención titorial a un alumnado cunhas características moi concretas que precisa afianzar os aspectos máis básicos e instrumentais da aprendizaxe así como volver a xerar confianza e seguridade persoal para afrontar logros. 

 

CCOO considera que q non hai ningunha referencia ao principio de atención á diversidade nin ao dereito a unha educación inclusiva. As titulacións de FPB non permiten adaptacións curriculares polo que o alumnado con necesidades educativas específicas que as necesiten non poderán cursala. Ademáis, utilizando os currículos provisionais, prevén as mesmas rateos que se establecen, con carácter xeral, para outras ensinanzas da secundaria: 30 alumnos ampliables nun 10% en determinadas circunstancias.

 

Con respecto aos curriculos que van a ser referencia en tanto non se publique os novos queremos facer as seguintes achegas, nomeadamente o Decreto 107/2014:

  • Artigo 8.1 incluír un punto novo c) Modulo de Formación e Orientación Laboral. A norma debe garantir o previsto con carácter xeral no Real Decreto 1147/2011, que regula explicitamente que todos os ciclos formativos deben incluír un Módulo profesional de formación e orientación laboral (FOL).

  • No artigo 8.5 entendemos que se debera definir as características dos grupos específicos que poden acceder á redución de porcentaxe da carga horaria dos módulos de Comunicación e Ciencias aplicadas en base a criterios obxectivos

  • Artigo 10.3 , as horas de Titoría deben aumentarse a dúas dado que estamos diante dun alumnado cuxas características recomendan una atención individualizada, continua e específica

  • Artigo 14 2 engadir e cidadá despois de activa, pois non debemos esquecer o concepto de cidadá que ten que ter a educación.

  • Artigo 28.3 - Reducir ás rateos a 15 alumnos/as por unidade, e inferior no caso de incorporar alumnos con necesidades educativas específicas, atendendo a que estamos diante dun alumnado cunhas características especiais.

  • Artigo 30.4 - A esixencia do nivel B2 de lingua estranxeira estaría clara ao ter incluído esta dentro dos módulos de comunicación e sociedade. En moitos centros esta esixencia vai facer que se vexa reducida a oferta destes ciclos por non ter profesorado que poida impartir a materias destes módulos fora dos departamentos de linguas estranxeiras.

 

  1. Anteproxecto Decreto currículo BACH.

 

  • Propomos incluír os obxectivos de desenvolvemento sostible e como calificativos da sociedade os criterios de solidariedade e sustentabilidade. Texto: “7 a) Exercer a cidadanía democrática, desde dunha perspectiva global, e adquirir unha conciencia cívica responsable, inspirada polos valores da Constitución española e así como polos dereitos humanos e os obxectivos de desenrolo sostible,  que fomente a corresponsabilidade na construción dunha sociedade xusta , solidaria, sostible e equitativa.”

  • Solicitamos incluí o obxectivo de “promover sociedades xustas, pacíficas e inclusivas.”

 

  • Propomos cambiar discapacidade funcional por diversidade funcional e incluir a Expresión de xénero así como a clase socioeconómica e a ideoloxía. Quedando o seguinte texto:“7 c) Fomentar a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades de mulleres e homes, analizar e valorar criticamente as desigualdades existentes, así como o recoñecemento e o ensino do papel das mulleres na historia, e impulsar a igualdade real e a non discriminación por razón de nacemento, sexo, orixe racial ou étnica, discapacidade diversidade funcional, idade, enfermidade, relixión ou crenzas, orientación sexual, ou identidade ou expresión de xénero,  clase socioeconómica, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”  

 

  • Solicitamos referencias ao obxectivo de estimular e promover o pensamento crítico, quedando este artigo así: “Desenvolver a sensibilidade artística e literaria, así como o criterio estético, como fontes de formación e enriquecemento cultural  para promover o pensamento crítico.”

 

  • Propomos incluír unha referencia ao desenvolvemento emocional ademais do persoal e social. 

 

  • Solicitamos engadir 3 obxectivos xerais da etapa:

 p) Sensibilizar sobre o respecto ás condicións laborais dignas e axustadas a dereito.

q) Fomentar o respecto á diversidade e á cidadanía inclusiva.”

r) Valorar, respectar e afianzar o patrimonio material e inmaterial de Galicia, e contribuír á súa conservación e mellora no contexto dun mundo globalizado. Esta última aparecía no currículo anterior e agora omítese. 

 

  • Consideramos que en todos os casos nos que exista posibilidade horaria no centro para impartir unha materia non se debe establecer ningún número mínimo de alumnado. E nos casos nos que non haxa posibilidade horaria establecer o número mínimo no currículo, pero atendendo ás características do centro e da súa contorna. 

 

  • Consideramos que hai que retirar a referencia á posibilidade de ampliación do calendario escolar. As posibles diferenzas entre os centros débense substanciar na adecuación do seu proxecto educativo ao contexto socioeducativo do seu alumnado no uso da súa autonomía, en ningún caso se materializará en diferenzas referidas ao calendario escolar e ás condicións laborais do profesorado e o seu horario lectivo. 

A ADMINISTRACIÓN NÉGASE A RETIRAR TAL REFERENCIA

 

  • Propomos cambiar o texto e incluir no artigo 19 “o respecto, e a consideración polas vítimas do terrorismo e a prevención do terrorismo” xa que esto entra en calquera tipo de violencia. 

 

  • Solicitamos referencias no artigo 19 á expresión de xénero: “ 3. Evitaranse os comportamentos, os estereotipos e os contidos sexistas, así como aqueles que supoñan discriminación por razón da orientación sexual ou da identidade e/ou expresión de xénero”

 

  • Deben incluírse referencias á importancia da orientación profesional xa que a lección feita neste momento ten importancia en función do futuro profesional elixido. Texto:  “20.4. Os centros docentes deberán informar e orientar o alumnado co fin de que a elección das modalidades, as vías e as materias ás que se refiren os artigos 9, 10 e 11 sexa a máis adecuada para os seus intereses e a súa orientación formativa   e/ou profesional  posterior, evitando condicionamentos derivados de estereotipos de xénero.”

 

  • Propomos substituír discapacidade por capacidades diversas, expresión en sentido positivo.

 

  • Solicitamos engadir á avaliación a cualidade de “flexible” coa mesma argumentación feita no currículo da ESO.

 

  • Consideramos que ao alumnado que repita todo o curso de 2º de BACH débenselle gardar as notas das materias aprobadas e/ou manter a nota máis alta.

 

  • Consideramos que debe redactarse un novo apartado 3. que inclúa a obrigatoriedade da redución do horario lectivo para o profesorado que xestione ou coordine a biblioteca escolar.

 

  • Propomos recuperar a música como materia optativa en calquera tipo de Bacharelato, non só en aqueles centros nos que se imparta o BACH de Artes ou o xeral.

 

  • Propomos que se manteñan materias relacionadas coa Economía como como optativas. 

 

  • Solicitamos que se manteña a opción de optativa de Historia Contemporánea para o BACH de Artes. 

 

A ADMINISTRACIÓN RESPONDE QUE AS MATERIAS OPTATIVAS SERÁN ESTABLECIDAS NUNHA ORDE POSTERIOR

 

ANTE AS NUMEROSAS ENMENDAS PRESENTADAS, A ADMINISTRACIÓN SOLICITA QUE LLAS REMITAMOS POR ESCRITO PARA CONSIDERAR SE INCORPORA ALGUNHA AO ARTÍCULADO.

  1. Rogos e preguntas. 

 

  • Demandamos información sobre a calendarización prevista de negociación dos novos Regulamentos Orgánicos de Centro tras a culminación da tramitación da LOMLOE. INFORMAN QUE A SÚA PREOCUPACIÓN ACTUAL SON OS CURRÍCULOS PERO OS ROC ESTÁN MOI AVANZADOS. 

  • Demandamos cando traerán á mesa a convocatoria das licenzas de formación. 

  • Solicitamos que se trate de forma igual ao profesorado AL e PT no que respecta ao seu dereito a optar a coordinacións ou outras funcións ao igual que o resto de profesorado, dado que algunha inspección está forzando a que limiten exclusivamente as súas funcións á atención ao alumnado ACNEAE. CONTESTAN QUE SE TRASLADARÁN AS INFORMACIÓNS OPORTUNAS AS INSPECCIÓNS EDUCATIVA. 

  • Criticamos que a Consellería de Educación publicara no seu portal educativo  e remitira a centros un manual obsoleto para a elaboración de programacións didácticas na nova aplicación que ten previsto iniciar a súa actividade en setembro nos niveis onde entra en vixencia os currículos da LOMLOE.

A ADMINISTRACIÓN RESPONDE QUE O PUBLICADO NON É O MANUAL DEFINITIVO QUE SE VAI A UTILIZAR PARA ELABORAR AS PROGRAMACIÓNS NA NOVA APLICACIÓN INFORMÁTICA