O informe xurídico de CCOO deixa claro que as prazas de reposición e estabilización por concurso-oposición deben convocarse xuntas co novo modelo

O gabinete xurídico da Federación de Ensino de CCOO analizou a situación completa desde o punto de vista lexislativo, tras a publicación do RD 270/2022 que regula o procedemento de ingreso transitorio á función pública docente, concluíndo que nas convocatorias de concurso-oposición deben combinarse as prazas de reposición e de taxa adicional de estabilización e realizarse todas polo novo procedemento establecido na transitoria cuarta do regulamento de ingreso á función docente, sendo isto o adecuado tanto no sentido práctico como no xurídico.

O sindicato xa manifestou, ante a publicación do real decreto, que é enormemente prexudicial tentar abrir a porta a dous concursos-oposición diferentes para as convocatorias que se celebrarán ata 2024, tanto para a xestión do proceso como para as persoas aspirantes. Xera unha situación de incerteza, incomprensión e desconcerto que, a xuízo de CCOO, é intolerable e coloca os e as aspirantes nun escenario con dous formatos diferentes de concurso-oposición para acceder a unha mesma función pública docente, con regras, procedementos, ponderación de partes, etc., distintas. Igualmente grave é o feito de que pon claramente en perigo a execución áxil e efectiva de todas as prazas necesarias para cumprir o obxectivo ineludible de reducir a temporalidade por baixo do 8 % no prazo establecido.

CCOO foi artífice do acordo que comprometía á redución da temporalidade ao 8 % e, por tanto, á convocatoria de máis de 125 000 prazas docentes, con oportunidades para todas e todos. A Federación de Ensino loitou por un concurso-oposición que non sexa unha carreira de obstáculos e que non deixe prazas desertas, no que só haxa unha proba con partes non eliminatorias e que recoñeza adecuadamente e de forma equilibrada o valor da experiencia docente (máximo un 28 % da puntuación final). Este modelo quedou bastante recoñecido na disposición transitoria 4.ª do RD 270/2020 e desde CCOO imos defender por todos os medios ao noso alcance que este sexa o único modelo de concurso-oposición ata 2024, incluídas mobilizacións, se for necesario.

O sindicato esíxelle ao Ministerio de Educación e FP que coordine as administracións educativas, como é a súa responsabilidade, clarifique esta cuestión no sentido adecuado e arranxe o caos xerado.