CCOO solicita ter unha xuntanza coa Consellería de Educación

En CCOO volvemos solicitar unha reunión co director xeral de Centros e Recursos Humanos para trasladarlle as demandas pendentes dos traballadores e traballadoras do ensino concertado. Despois de doce anos de bloqueo e supresión de dereitos, entre os que cabe salientar o Acordo de mantemento de emprego, a paga de antigüidade, a xubilación parcial, a equiparación salarial, a redución de xornada lectiva ao profesorado de
secundaria, etc., transcorreu máis dunha década desde os últimos acordos asinados coa Administración. Daquela gobernaba o bipartito.

Neste longo período producíronse transformacións que é necesario resolver na negociación tripartita (traballadores, Administración e patronais). Necesidade que en Galicia se volve máis urxente porque esta comunidade retrocedeu respecto das condicións que se aplican no ensino concertado do resto do Estado.
Somos a única comunidade en que non existe un só acordo que mellore as condicións dos traballadores do sector.

Seguimos apelando ao diálogo e a negociación. Gustaríanos topar máis receptividade e disposición da Administración da manifestada ata o de agora.

Publicado o 21 de febreiro de 2022