CCOO esixe á Consellería de Sanidade que os fillos e fillas de mutualistas con seguros privados poidan acceder a test de antíxenos

Ante o anuncio do titular da Consellería de Sanidade que os test de antíxenos para nenos/as de entre 5 a 11 anos poden recollerse nas farmacias a partir do 10 de xaneiro, presentando a tarxeta sanitaria do SERGAS, a Área Pública de CCOO esixe mediante escrito de reclamación que os fillos e fillas de mutualistas de MUFACE que teñan unha entidade privada de prestación sanitaria, poidan acceder tamén ao test en igualdade cos mutualistas que elixiron o servizo público de saúde.

 

O sindicato constata que non se está a dispensar os test de antíxenos a fillos/as de mutualistas que teñan entidades privadas de prestación sanitaria, mentres que os que elexiron como entidade de prestación sanitaria o SERGAS si  que poden. CCOO recorda que xa non é a primeira vez  que os mutualistas con seguros privados non poden acceder en condición de igualdade aos test.

 

CCOO denuncia que a administración volve a incurrir nun agravio comparativo con boa parte de mutualistas de MUFACE, deixando a miles de nenos/as na comunidade sen acceso a devanditos test.