Información sobre a reunión coas Consellerías de Educación e Sanidade

Na reunión, CCOO trasladou ás seguintes esixencias á Administración.

– Vacinación inmediata do persoal dos centros que falta por inocular coa terceira dose, nomeadamente menores de 40 anos que non recibiran dobre pauta de Astrazeneca, xa que moitos destes traballadores/as están en contacto a diario con alumnado sen vacinar e incluso que non está obrigado ao uso de máscaras protectoras (como o alumnado de Educación Infantil ou NEAE).

– Necesidade de concesión de permisos de deber inexcusable aos traballadores/as dos centros que deban permanecer con fillos menores positivos ou cuarentenados para así facer efectivo o seu deber de tutela efectiva.

– Autorización a que profesorado interino e substituto de baixa por ser positivo COVID poida tomar posesión da vacante de substitución que se lle ofrezca e logo achegar o correspondente parte de baixa. 

– Mellora nas xestión das baixas por COVID dos traballadores/as dos centros educativos, ante o aumento exponencial do número de contaxios. A Administración aceptou esta última petición de CCOO, e facilitará mediante unha declaración responsable asinada polo traballador/a a tramitación da situación de incapacidade temporal, ante o colapso da atención primaria. A Consellería de Educación publicará ao longo do martes 11 de xaneiro o modelo de declaración responsable e o procedemento para tramitala.