Valoración de CCOO do novo borrador de modificación do RD 276/2007 de ingreso e acceso a función pública docente.

 

Os elementos de mellora globais deste texto con respecto ao anterior borrador de sistema transitorio son moi importantes, aínda que non conseguiramos todas as nosas reivindicacións. Isto foi posible grazas a insistencia e ás actuacións de CCOO e ao Acordo xeral de plan de choque para a estabilización e a redución da temporalidade con Función Pública.

As probas non eliminatorias son fundamentais para que todas as persoas aspirantes realicen todas as partes e, xunto coa simplificación da fase de oposición, se asegure que pasen á fase de concurso un gran número de aspirantes garantindo así que non queden prazas desertas. Nas últimas oposicións, co modelo anterior, o 86% dos aspirantes no pasaron a primeira criba e o 14% das prazas quedaron desertas. Esa situación non beneficia a ninguén.

Neste último texto conseguimos que se incluíse no baremo a formación permanente aínda que foi incluído no apartado doutros méritos e non nun apartado distinto tal como demandou CCOO. Tamén conseguimos que se incluíse na baremación no apartado de experiencia outras especialidades do mesmo corpo ao que se opta e a de especialidades doutros corpos nos centros  públicos en contra da posición da maioría das Comunidades Autónomas, aínda que non nas condicións que nós propuxemos. 

De terse admitido as nosas propostas, entre as que estaba a puntuación da superación da fase de oposición en procesos anteriores a 2012, o baremo tería sido máis equilibrado que o recollido neste último borrador.

Para CCOO é fundamental que as modificacións poidan afectar xa desde a vindeira convocatoria de procesos selectivos a celebrar a finais do curso 2021-2022, como vimos esixíndolle ao ministerio e ás CCAA. Convén lembrar que de convocar antes da publicación da norma que regula o sistema transitorio só poden ofertarse as prazas de reposición e non as de estabilización  de acordo coa Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. As prazas de estabilización, que son moitas máis que as de reposición, non serían ofertadas nesta convocatoria quedando para outras posteriores, sempre antes de 2024.

Sobre a disposición da transitoria 5ª de ingreso excepcional por concurso de méritos sen oposición, CCOO reitera as cuestións que xa viñera plantexando. É unha cuestión complexa pois ao ser algo novidoso e terse introducido a última hora na Lei plantexa dúbidas de seguridade xurídica e efectos non previstos. A Lei establece en todo momento que se estabilizan as prazas e non as persoas. 

CCOO seguirá esixindo  a eliminación da limitación que supón a taxa de reposición para poder ampliar de maneira significativa as plantillas. Teñas a experiencia que teñas sen prazas non hai praza.