CCOO non asinará o XXIII Convenio Colectivo de Autoescolas

Na reunión mantida o pasado luns 13 de decembro as organizacións sindicais UGT e USO decidiron asinar un preacordo (podes descargalo premendo aquí), conxuntamente coa patronal do sector, antesala da sinatura do XXIII convenio colectivo que terá lugar o vindeiro martes 21 de decembro.

Dende CCOO sempre mantivemos a mesma líña argumental: se non se producía un incremento retributivo sustancial para o profesor/a, acorde á responsabilidade que exerzan a diario e en correlación coa realidade do sector, non podiamos entrar noutras valoracións. Non entendemos como se poden aceptar uns incrementos salariais tan exiguos para o profesor/a, que situarán  o seu salario base en 2023 nos 1.071€, a cambio dunha modificación no artígo relativo á xornada, baixo o subterfuxio da “voluntariedade”, e que de feito representará pasar ás 40 horas semanais (incluíndo sábados e domingos). Por se non abondase,  modifícase o artigo 37, suprimindo a obriga das autoescolas de contratar un seguro que cubra la continxencia de retirada do carné de conducir por perda total de puntos.

CCOO considera que é a patronal a gran beneficiada nesta negociación e que perdeu a oportunidade de dignificar o sector dunha vez por todas. O XXIII Convenio Colectivo vai supor a consolidación das 40 horas semanais a cambio de nada. A fórmula de traballar máis para poder gañar máis non era o obxectivo a acadar e a maior percepción salarial debía vir polo incremento das retribucións, non polo incremento da xornada traballada.

Por todo elo, na reunión do vindeiro 21 de decembro CCOO NON asinará o novo convenio colectivo.

 

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS