O persoal dos centros de Camiña Social esixe un aumento salarial tras unha década de conxelación das retribucións

As traballadoras e traballadores dos centros de menores coruñeses CIEMA e Concepción Arenal, ambos os dous xestionados pola Fundación Camiña Social, esixen un aumento salarial tras case unha década de conxelación das retribucións. Na mañá deste xoves concentráronse diante do Concepción Arenal para faceren visibles as súas xustas reivindicacións.

A empresa utiliza como pretexto uns supostos balances económicos negativos nos últimos tres anos, pero os sindicatos replican que a Fundación ten un «superávit millonario» nas súas contas.

Tras media ducia de reunións infrutuosas neste 2021 para desbloquear as negociacións do convenio, a Fundación pretende dar o paso ao convenio estatal, cuxas condicións laborais e sociais son peores. Isto, a cambio dunha «miserenta» oferta económica que, con todo, sería do 0 % para algunhas categorías.

Aínda que a cuestión salarial é central nas reivindicacións, especialmente no actual contexto de forte inflación —que agrava a perda de poder adquisitivo que padece o persoal desde o 2014—, CCOO-Ensino sinala que as traballadoras e traballadores levan moito tempo denunciando outro tipo de problemáticas.

Entre as principais destacan a falta de recursos materiais e humanos nos centros —o que provoca o incumprimento dos pregos da concesión—, a falta de cobertura de baixas e excedencias, falta de seguridade nos vehículos para trasladar os menores, falta de mantemento das instalacións, equipos técnicos moi deteriorados ou avariados e un longo etcétera.