CCOO ensino concentrarase este mércores ante a Consellería de Educación para denunciar á non cobertura de baixas no profesorado

O sindicato vén de interpelar ao valedor do pobo para que interceda ante un ataque vergoñento ao dereito da educación do alumnado. Asemade, CCOO ensino segue a reclamar a extensión do programa ARCO ao longo de todo o curso escolar.

Publicado o 13 de decembro de 2021

Como xa denunciara CCOO Ensino, a Consellería de Educación leva dende o 30 de novembro sen cubrir vacantes de todos os corpos de persoal docente (accede a escrito presentado o día 3 de decembro). 

Hai 240 vacantes, a día 13 de decembro, sen cubrir (136 do corpo de mestres e 104 de corpos de secundaria), incluso algunhas delas interinidades que abranguen todo o curso escolar, co prexuízo grave cara o alumnado que isto significa.

A non cobertura de baixas sumado á non prolongación do programa ARCO que os centros veñen demandando tal e como denunciamos desde o sindicato (accede ao modelo de escrito elaborado o 4 de novembro), supón o maior ataque ao ensino público dos últimos anos, afianzando os recortes xa iniciados ao inicio deste curso escolar. Esta situación prodúcese para máis gravidade en plena sexta ola da pandemia, o que merma máis os recursos docentes nos centros. 

CCOO ensino vimos interpelando á Consellería nestas dúas cuestións desde fai semanas, e ante a calada por resposta, concentrarémos o vindeiro mércores 15 de decembro ante a Consellería de Educación en San Caetano ás 11:30.