XVI Convenio Colectivo de Centros e Servizos 
de Atención a Persoas con Discapacidade

Publicado o 13 de decembro de 2021

Logo de varias reunións celebradas nos meses de novembro e decembro, nas que houbo algúns avances, a situación da negociación acerca das cuestións tratadas está da seguinte maneira:

  • Clasificación profesional

Desde CCOO proponse incluír determinados perfís profesionais que non están recollidos no convenio, o que permitiría clarificar e normalizar a situación dalgúns colectivos como asesores xordos, orientadores, mediadores comunicativos, intérpretes de lingua de signos… Neste último caso, a nova titulación de grao debería quedar reflectida no novo texto.

Así mesmo, propuxemos a regulación da mobilidade funcional, dentro e fóra do mesmo grupo profesional, para evitar situacións de abuso en persoas que desenvolvan tarefas diferentes das que lles corresponderían pola súa titulación ou contratación.

Sobre o primeiro punto, as organizacións patronais amosaron a súa predisposición a abordar o tema, mentres que se mostraron remisas a modificar cuestións acerca da mobilidade funcional.

  • Ámbito funcional e persoal

Ante a pretensión dalgunha organización patronal e sindical (de ámbito non estatal) de modificar a estrutura da negociación colectiva coa finalidade de cortar o convenio e excluír del os traballadores e traballadoras dos centros especiais de emprego, a resposta de CCOO foi categórica: mentres sigamos sendo o sindicato maioritario, iso non ocorrerá xa que a experiencia nos demostra que a división dun convenio acaba prexudicando as condicións laborais de quen marcha a un novo e de quen queda no de orixe.

  • Retribucións

Artigo 29.2

CCOO sempre defendeu que este artigo tamén debe ser de aplicación aos centros especiais de emprego de iniciativa social. No XV Convenio colectivo logramos a afectación para os CEE de iniciativa privada (con ánimo de lucro) e agora volvemos formular a necesidade de estendelo tamén ao resto, xa que a precarización e a impunidade con que actúan é común á inmensa maioría de centros. Neste sentido, propoñeremos unha nova redacción para este artigo.

Artigo 32

AEDIS, patronal maioritaria, propuxo na mesa unhas táboas salariais que nada teñen que ver co pactado neste artigo. A súa proposta pasa por aplicar nos próximos tres anos os seguintes incrementos:

Grao + Máster: un 2,5% (0+1+1,5)

Grao: un 2,5% (0+1,25+1,25)

Técnico/a superior: un 3% (0+1,5+1,5)

Técnico/a: un 6% (2+2+2)

Auxiliar técnico/a: un 7% (3+2+2)

Operario/a: un 16% (10+3+3)

 

A resposta das organizacións sindicais foi un non rotundo, xa que isto suporía renunciar ao acordado. Desde CCOO traballamos para que as retribucións experimenten uns incrementos en consonancia co pactado e acorde ao esforzo realizado polas persoas traballadoras do sector durante o ano e medio de pandemia.

Por outro lado, fixémoslles chegar ás organizacións patronais e sindicais que conforman a Mesa Negociadora a plataforma reivindicativa de CCOO, na que se recollen as achegas realizadas pola afiliación e polos nosos delegados e delegadas.

 

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS