CCOO Ensino urxe a consellería a cuantificar as prazas estruturais vacantes susceptibles de oferta por concurso de méritos

O día 2 de decembro de 2021 aprobouse no Congreso dos Deputados o Proxecto de Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Implica a modificación do EBEP e introduce dúas medidas que inciden de forma directa e inmediata na oferta pública de emprego (OPE en adiante).

  • Ofertas de emprego de estabilización mediante concurso oposición que deben estar publicadas antes de xuño de 2022 e convocadas antes de rematar o 2022. E que deben estar executadas antes de finalizar o ano 2024.
  • Unha única convocatoria por concurso de méritos na que deben ofertarse todas as prazas estruturais que non teñan titular e que foran cubertas de forma ininterrompida dende antes do 1 de xaneiro de 2016. 

As organizacións sindicais CCOO, UGT e SIF tiñamos asinado co Goberno en xullo de 2021 o “Acordo sobre o plan de choque para reducir a temporalidade nas administracións públicas”. Este acordo, que se plasmou no RDL 14/2021 publicado no BOE o 7 de xullo do mesmo ano, xa recolleu a obriga das administracións de ofertar miles de prazas de estabilización a maiores das de reposición, co obxectivo de reducir as taxas de temporalidade a cotas por debaixo do 8%. Pero tamén recolleu o compromiso de negociar unha modificación do RD 276/2007 de ingreso e acceso á función pública docente e indicaba en que sentido se modificaría. En resumo, o acordo sindical incorporaba o seguinte:

  • Ata 2024, as OPE incorporarían unha taxa adicional á taxa de reposición. Por tanto, conseguimos que se superara a taxa de reposición nestas convocatorias sen renunciar ao obxectivo final da eliminación da dita taxa. Obriga de ofertar todas as prazas orzadas durante tres anos de forma temporal, estean estas nas RPT ou non. Todos os procesos deben estar resoltos antes do 31 de decembro de 2024, polo que nos quedan tres convocatorias máis.
    • Os procesos selectivos serían por concurso-oposición. Obriga de negociar un sistema transitorio modificando así o RD 276/2007. A fase de oposición sería máis simplificada, con agrupación de probas que poderían considerarse como non eliminatorias entre si, polo que CCOO pretendemos negociar a proba única na OPE docente.
    • A fase de oposición representaría o 60 % do proceso selectivo. Na fase de concurso, que sería do 40 %, tería un peso maioritario a experiencia. 
  • Dereito a indemnización de 20 días por ano (máximo de 12 mensualidades) para o persoal temporal que non obteña praza nos procesos selectivos e remate a vinculación laboral coa Administración.

Todo o acordado con CCOO e as outras organizacións sindicais ten unha seguridade xurídica plena. As negociacións para desenvolver o acordado tiñan garantía de cumprir coa xurisprudencia acumulada ata a actualidade cumprindo cos preceptos do TS e do TC.

 O trámite parlamentario como proxecto de lei introduce, como consecuencia da xeometría variable para aprobar os PXE, unha importante novidade: o concurso de méritos no que se ofertarán todas as prazas estruturais que non teñan titular e que foran cubertas de forma ininterrompida dende antes do 1 de xaneiro de 2016. É precisamente esta medida a que provoca moitas incertezas xa que, segundo moitos xuristas, presenta importantes dúbidas de legalidade. Sen entrar no debate da constitucionalidade ou non do concurso de méritos, si podemos afirmar que non vai ser a solución ao abuso da temporalidade promovido ata agora polas diferentes administracións. Ao mesmo tempo, podemos afirmar que vai xerar moitos problemas, entre outros:

  • Consolídanse prazas e non persoas, e haberá menos prazas que aspirantes.
  • Vanse poder presentar aspirantes doutras comunidades autónomas con máis méritos, podendo consolidarse en prazas actualmente ocupadas por persoal das listas de Galicia.
  • O carácter de “ininterrompido” non permite consolidar prazas que nalgún momento dende xaneiro de 2016 foran ocupadas por substitutos.

Independentemente da oportunidade ou non desta medida, é necesario coñecer canto antes as prazas susceptibles de ser ofertadas no concurso de méritos porque mentres non as coñezamos non se podería desenvolver a OPE de 2021 e 2022. 

Para CCOO é imprescindible que as OPE sexan desenvolvidas no tempo e a forma procedentes, polo que demandaremos da Consellería de Educación o seguinte:

  • Urxente concreción das prazas que poidan ser ofertadas no concurso de méritos regulado na antecitada Lei.
  • As prazas non susceptibles de ser ofertadas por concurso de méritos (as de reposición e todas as non ocupadas con carácter ininterrompido dende o 1 de xaneiro de 2016) deben ser ofertadas no proceso selectivo de 2022. 
  • O proceso selectivo de 2022 debe ser convocado ao abeiro do sistema transitorio que se regulará tras a negociación colectiva que desenvolva o acordado no Plan de choque citado.