CCOO Ensino demanda desdobramentos e máis profesorado para atallar o crecente número de positivos por COVID nos centros educativos

CCOO Ensino xa manifestara no inicio de curso que a redución da distancia de seguridade entre o alumnado respondía a criterios economicistas en lugar de a criterios sanitarios. Familias, profesorado e demais membros da comunidade educativa galega manifestáronse desde setembro ante o vergoñento recorte que a Administración aplicou nos centros educativos, pechando aulas e recortando profesorado nos primeiros días de setembro.

Desde a nosa organización xa sinalabamos que a Consellería «cometía un erro grave» ao manter as ratios máximas de 25 alumnas e alumnos por aula na Educación Infantil e Primaria baseándose nun «concepto errado dos grupos burbulla», xa que o alumnado da mesma aula mantén contacto ao longo do día co doutras aulas en espazos da vida cotiá ou no propio transporte escolar.

Na actualidade, co número de casos positivos multiplicándose e acadando o 30 % do total, parece acaído que a Consellería rectifique e recupere as medidas que si aplicou o curso pasado. O Nadal pode ser unha bomba de reloxería que poña en verdadeiro perigo a presencialidade nas aulas pois, ao igual ca o ano pasado, os contaxios que se produzan no ámbito familiar estenderanse logo nos nosos centro educativos.

Vacinación do profesorado e do persoal traballador dos centros educativos

CCOO Ensino demanda que Sanidade e Educación valoren a necesidade de establecer un proceso de vacinación ao profesorado e ao resto dos traballadores e traballadoras do ensino como se está a facer con outros colectivos esenciais. Parece acaído que se estableza unha calendarización por persoal esencial (do mesmo xeito que ao inicio da vacinación), co fin de datar en que momento se podería levar a cabo esta dose de reforzo. 

CCOO Ensino sempre defendeu a presencialidade segura nas aulas; porén, apoiaremos as iniciativas que as autoridades sanitarias establezan se así consideran inocular unha terceira dose de reforzo aos traballadores e traballadoras do ensino.

Con todo, desde CCOO Ensino facemos un chamamento á cordura da Consellería de Educación para que free con medidas efectivas de distanciamento, ratios e, polo tanto, aumento de profesorado, coas que tentar reducir ao máximo o número de contaxios nos centros.