25 de Novembro de 2021 - Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

CCOO ensino, o 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, manifesta o seu firme compromiso en seguir loitando contra todas as formas de violencia machista e a discriminación das mulleres que está na base daquelas.

Publicado o 24 de novembro de 2021

Porque esta pandemia non remite e cada día sumamos máis mulleres e máis menores asasinados, máis violadas e sexualmente agredidas, máis violentadas e maltratadas psicolóxica e economicamente, máis acosadas, ameazadas, insultadas, humilladas, desprezadas, etc. Este 25N convertémolo nunha data de dó e reivindicación: dó polas mulleres que deberían estar vivas e reivindicación de medidas que nos permitan deixar de contar vítimas e alcanzar unha sociedade e un mundo onde primen os bos tratos.

Como organización sociopolítica, CCOO traballa para acabar coa discriminación —base da dominación e a violencia contra as mulleres— en todos os ámbitos, pero como organización sindical, ademais, correspóndelle previr, formar, concienciar e tratar laboralmente o acoso sexual e o ciberacoso nos centros de traballo.

É unha responsabilidade sindical acadar a seguridade das mulleres nos postos de traballo. Ninguén debería ir traballar con medo! Porén, un 18,3 % das mulleres din que sufriron acoso sexual no traballo e o ciberacoso é un delito que aumenta nestes tempos de pandemia. A Organización Internacional do Traballo, no seu Convenio 190, menciona como o acoso sexual afecta de forma desproporcionada ás mulleres e enténdeo como outra das caras da violencia de xénero. As raíces do acoso sexual están na desvalorización das mulleres e do traballo feminino e no sexismo cultural que impregna os ambientes laborais. Cando falamos de acoso sexual, referímonos a unha máis das formas en que se expresa a violencia de xénero, pois, aínda que poden sufrilo persoas de ambos os sexos, os datos revelan que son as mulleres as máis afectadas e, delas, aquelas que están sumidas na precariedade laboral.

Esta realidade coñécena ben os delegados e, sobre todo, as delegadas sindicais que acompañan e protexen as mulleres que a padecen e denuncian os acosadores.

Neste sentido, CCOO manifesta reafirmar o seu compromiso con:

— A visibilización do delito e a sensibilización sobre este problema.

— A prevención do acoso sexual, sexa en forma de chantaxe ou de acoso ambiental, de comportamentos de instigación física, de actitudes verbais e non verbais.

— O acompañamento ás vítimas e a colaboración na denuncia.

— A arbitraxe de procedementos específicos para tramitar as denuncias ou reclamacións de quen o sufra.

— A elaboración e negociación de protocolos de prevención e tratamento contra o acoso sexual e por razón de sexo.

— A creación de ambientes saudables e respectuosos de traballo.

— O asesoramento nesta materia, creando o mellor escudo preventivo e de seguridade que existe nos centros de traballo, que son as seccións sindicais e comités de empresa por medio das nosas delegadas e delegados sindicais.

Para iso, seguiremos demandándolles ás empresas e Administracións que:

— Cumpran a Lei 3/2007 de igualdade efectiva de mulleres e homes canto á obriga de elaborar protocolos en todas as empresas. 

— Contraten e/ou formen o persoal en materia de igualdade e implanten os protocolos de prevención e tratamento contra o acoso e os plans de igualdade.

— Negocien medidas de formación en materia de igualdade e contra a violencia sexual e, en concreto, o acoso sexual e por razón de sexo nos plans de igualdade e de formación.

— Se impliquen na denuncia das situacións e condutas de acoso sexual e colaboren activamente no esclarecemento dos feitos, protexendo e acompañando as mulleres que denuncian.

— Sancionen aquelas condutas constitutivas de acoso.

— Crean as mulleres.

Fronte a esta conduta laboral delituosa, as mulleres e homes de CCOO sumámonos este 25N aos actos e manifestacións convocados polo Movemento Feminista en cada un dos territorios e, ademais, nos centros de traballo berramos:

NON AO ACOSO SEXUAL!

NON MÁIS VIOLENCIAS MACHISTAS!

O ACOSO SEXUAL TAMÉN É VIOLENCIA MACHISTA!

#TraballosLibresDeAcosoSexual