CCOO esixe a mellora dos servizos públicos e a recuperación dos dereitos do persoal do sector

Esta mañá, delegadas e delegados de CCOO, primeiro sindicato das Administracións públicas, mobilizáronse en todo o Estado para esixir a mellora dos servizos públicos e o respecto á negociación colectiva para recuperar dereitos do persoal do sector público. En Galicia houbo concentracións na Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Publicado o 10 de novembro de 2021

Respecto aos servizos públicos, España debe recuperar o gasto social anterior á crise económica para achegarse aos países da súa área e, sobre todo, garantir os dereitos da cidadanía que a austeridade extrema empeorou, con copagamentos ou dificultades de acceso aos servizos públicos, entre outros. Na mesma medida, hai que mellorar as súas condicións laborais.

CCOO recrimínalle ao Goberno do estado o incumprimento dos compromisos adquiridos co sindicato. Débese resolver o resto de materias que aínda están pendentes do II Acordo para a mellora do emprego público do 2018 e, máis recentemente, no acordo do 5 de xullo de 2021, que inclúe a negociación dun III Acordo bianual para continuar na mellora do emprego público e das condicións de traballo e salariais.

Salarios

No referente aos salarios, cómpre recuperar o poder adquisitivo perdido polas empregadas e empregados públicos durante a crise. Perdéronse entre 11 e 18 puntos de capacidade de compra, e só se recuperaron 4 ata o de agora. O Goberno impuxo, sen negociación, unha suba salarial do 0,9 % no 2021 e agora, no Proxecto de Lei de PXE do 2022, do 2 %, medidas que non avalamos porque se afastan dos obxectivos marcados de recuperación do poder adquisitivo. Tamén hai que recuperar e incrementar os fondos adicionais como parte das propias retribucións.

Emprego

É preciso recuperar o emprego público perdido e acometer o necesario rexuvenecemento duns cadros de persoal que, na actualidade, teñen unha alta porcentaxe en idade próxima á xubilación. En caso contrario, ponse en risco a continuidade dos servizos públicos eficaces, de calidade e coa universalidade da prestación. Asemade, mediante procesos coas máximas garantías xurídicas, débese dotar de estabilidade o emprego público e rematar coa temporalidade.

Negociación 

Hai que impulsar a negociación dun Acordo Marco para a Administración Local respectando o dereito á negociación colectiva en cada ámbito. É urxente a derrogación da Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración local.

Xornada

Recuperar e estender a xornada de 35 horas, coas adaptacións oportunas nos diferentes sectores para facela realmente efectiva, desvinculándose dos obxectivos de déficit, algo aínda pendente en moitas Administracións públicas e sector público empresarial.

Igualdade

Aprobar os plans de igualdade e de medidas de corresponsabilidade e conciliación, ademais dos protocolos de acoso sexual e por razón de sexo.

Desenvolvemento do Estatuto Básico do Empregado Público

É necesario e urxente acometer o resto de desenvolvemento do Estatuto Básico do Empregado Público, pendente desde a súa publicación no 2007, tanto no relativo á garantía de cumprimento dos acordos, como á mellora para o acceso ao emprego público; a obrigatoriedade de resolver as ofertas de emprego público (OEP); a axilización dos procesos selectivos, con convocatorias con carácter anual que inclúan especialmente as prazas vacantes ocupadas por persoal temporal, a provisión e promoción interna, a carreira profesional, a avaliación do desempeño, cualificación e clasificación profesional, a culminación da disposición transitoria terceira, a mobilidade interadministrativa e a regulación do teletraballo, etc.