CCOO ensino, de loito polo falecemento do compañeiro Veri Pazos

Queremos destacar o compromiso incansable de Veri Pazos a prol dun ensino público de calidade, imprescindible para unha sociedade democrática, e polos dereitos das persoas LGTBI+, dos que foi un gran valedor.

Profesor de secundaria e vinculado ao sindicato desde hai case vinte anos, Veri Pazos desempeñou distintas responsabilidades no ámbito da Federación do Ensino, como a comunicación, a acción sindical ou as actuais de organización e afiliación.

Alén do seu incansable labor sindical, Veri Pazos foi tamén un destacado activista LGTBI+, tanto no interno do sindicato como en colaboración con outras organizacións.