CCOO anuncia mobilizacións para esixir a mellora dos servizos públicos e a recuperación dos dereitos de empregadas e empregados do sector

O próximo 10 de novembro, delegadas e delegados de CCOO, primeiro sindicato das Administracións públicas, manifestaranse coa finalidade de facer presión para que o Goberno central recupere a senda da negociación e o cumprimento dos acordos para a mellora do emprego público. VER CARTAZ CO LUGAR E HORA DAS CONCENTRACIÓNS

Publicado o 04 de novembro de 2021

A Confederación Sindical de CCOO mobilizará os seus delegados e delegadas sindicais do conxunto da Área Pública o próximo mércores, 10 de novembro de 2021, para esixir un aumento do gasto público nos servizos que garanta os dereitos da cidadanía, así como para lograr a recuperación dos dereitos arrebatados aos máis de tres millóns de empregadas e empregados públicos.

Esta mobilización consistirá en concentracións ás 11:00 horas diante das sedes das subdelegacións do Goberno da inmensa maioría de provincias de España, e ante a sede do Ministerio de Facenda e Función Pública no caso de Madrid.

Respecto aos servizos públicos, España debe recuperar o gasto social anterior á crise económica para achegarse aos países da súa área e, sobre todo, garantir os dereitos da cidadanía que a austeridade extrema empeorou, con copagamentos ou dificultades de acceso aos servizos públicos, entre outros. Na mesma medida, hai que mellorar as súas condicións laborais.

Desde CCOO recriminámoslle ao Goberno o incumprimento dos compromisos adquiridos co sindicato. Débese resolver o resto de materias que aínda están pendentes do II Acordo para a mellora do emprego público de 2018, e máis recentemente no Acordo do 5 de xullo de 2021, que inclúe a negociación dun III Acordo bianual para continuar na mellora do emprego público e das condicións de traballo e salariais. Así, hai que garantir:

  • Salarios: cómpre recuperar o poder adquisitivo perdido polas empregadas e empregados públicos durante a crise. Perdéronse entre 11 e 18 puntos de capacidade de compra, e só se recuperaron 4 ata o de agora. O Goberno impuxo, sen negociación, unha suba salarial do 0,9 % no 2021 e agora, no Proxecto de Lei de PXE do 2022, do 2 %, medidas que non avalamos porque se afastan dos obxectivos marcados de recuperación do poder adquisitivo. Tamén hai que recuperar e incrementar os fondos adicionais como parte das propias retribucións.
  • Emprego: debemos recuperar o emprego público perdido e acometer o necesario rexuvenecemento duns cadros de persoal que, na actualidade, teñen unha alta porcentaxe en idade próxima á xubilación. En caso contrario, ponse en risco a continuidade dos servizos públicos eficaces, de calidade e coa universalidade da prestación.
  • Estabilización do emprego: mediante procesos coas máximas garantías xurídicas, para conseguir os obxectivos de dar estabilidade aos cadros de persoal e acabar coa eiva que supón a temporalidade. Cómpre eliminar calquera limitación na taxa de reposición para facer realmente efectiva e duradeira a redución da temporalidade a menos do 8 % dos cadros de persoal en todos os sectores públicos, incluíndo todo o sector público empresarial, así como os centros de investigación, non só en postos estruturais, senón en todos aqueles que deben ser considerados como tales e que, a maioría, están cubertos de xeito alegal, ilegal ou en fraude de lei a través de figuras como programas, obras e servizos, etc.
  • Hai que impulsar a negociación dun Acordo Marco para a Administración Local respectando o dereito á negociación colectiva en cada ámbito. É urxente a derrogación da Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración local.
  • Recuperar e estender a xornada de 35 horas, coas adaptacións oportunas nos diferentes sectores para facela realmente efectiva, desvinculándose dos obxectivos de déficit, algo aínda pendente en moitas Administracións públicas e sector público empresarial.
  • Aprobar os plans de igualdade e de medidas de corresponsabilidade e conciliación, ademais dos protocolos de acoso sexual e por razón de sexo.
  • Incrementar substancialmente os haberes reguladores dos grupos do A2 ao E, para evitar que se siga deteriorando a calidade das pensións de clases pasivas.
  • É necesario e urxente acometer o resto de desenvolvemento do Estatuto Básico do Empregado Público, pendente desde a súa publicación no 2007, tanto no relativo á garantía de cumprimento dos acordos, como á mellora para o acceso ao emprego público, a obrigatoriedade de resolver as ofertas de emprego público (OEP), a axilización dos procesos selectivos, con convocatorias con carácter anual que inclúan especialmente as prazas vacantes ocupadas por persoal temporal, a provisión e promoción interna, a carreira profesional, a avaliación do desempeño, cualificación e clasificación profesional, a culminación da disposición transitoria terceira, a mobilidade interadministrativa e a regulación do teletraballo, etc.
  • Servizo Exterior: recuperación do poder adquisitivo e esixencia de pleno dereito á negociación colectiva. Non se pode permitir por máis tempo que o persoal leve 12 anos sen actualización salarial, así como facilitar o desenvolvemento democrático do proceso de eleccións sindicais nestes momentos posto en marcha.
  • Actualización das indemnizacións de residencias para Illes Balears, Canarias, Ceuta e Melilla.
  • Constitución da Mesa de Diálogo para o sector público empresarial.