Publicado no BOE o IX convenio de Ensino e Formación Non Regrada

Publicado o 29 de outubro de 2021

 O 28 de outubro publicouse no BOE o novo convenio de Ensino e Formación Non Regrada que CCOO asinou en xullo. As negociacións desenvolvéronse entre 2020 e comezos do 2021, coincidindo coa pandemia. Dadas as circunstancias e o impacto que tivo nos centros, desde CCOO coidamos que era importante que quedasen fixadas as novas condicións laborais canto antes, incluíndo unha actualización das retribucións.

O novo texto recolle algunhas das demandas propostas por CCOO na súa plataforma reivindicativa, que contribúen significativamente a mellorar a situación nos centros e permiten avanzar nas condicións laborais das persoas traballadoras do sector, destacando as seguintes:

  • Ámbito temporal ata o 31 de decembro do 2022.
  • Mellórase a redacción do contrato de obra e servizo cando se elimina o suposto que permitía o uso desta modalidade contractual naqueles casos en que se subscribisen contratos con terceiros.
  • Mellórase a redacción das funcións das dúas categorías de profesor/a auxiliar, coa intención de evitar o seu uso en substitución dos profesores/as titulares.
  • Redúcense os días de preaviso no caso de cesamento por vontade da persoa traballadora, pasando de 30 a 25 días.
  • Inclúese un novo suposto no capítulo de permisos retribuídos, que pon á disposición das persoas traballadoras unha bolsa de ata 15 horas ao ano para que acudiren a consultas de especialistas médicos ou para acompañar a familiares que non poidan valerse en por si.
  • Cámbiase a redacción común a todos os permisos retribuídos para que os non regulados en días naturais se concedan en días laborais. Ademais, acórdase que o inicio destes permisos será sempre en día laborable, independentemente de cando se produza o feito causante.
  • Adáptanse varios apartados ás novas regulacións legais, mellorando a redacción de dereitos en materia de conciliación, como os relacionados co nacemento de fillos, a adopción e a garda con fins de adopción ou acollemento, ou para o coidado de familiares que non se poden valer en por si.
  • Engádese un novo artigo sobre traballo a distancia, facendo mención expresa ás recentes novidades lexislativas.
  • Recóllese a proposta de CCOO de incluír un novo artigo sobre plans de igualdade e igualdade retributiva nas empresas.

 

Canto ao acordo económico:

  • No 2020 procédese a actualizar as táboas salariais ao novo SMI.
  • No 2021 páctase unha suba do 1,5 % dos salarios base con efecto retroactivo desde principios de ano.
  • No 2022 páctase unha suba do 2 %.

 Desde CCOO agradecemos especialmente a colaboración da nosa afiliación durante a negociación, así como o seu apoio á hora de tomar a decisión de pechar estes acordos. Por tanto, valoramos os avances conseguidos neste novo convenio, sendo conscientes de que o camiño non remata aquí e de que teremos que seguir loitando para continuar mellorando as condicións de traballo nun sector tan desfavorecido como este.