Recuperación dos dereitos arrebatados ás empregadas e empregados públicos. Nin un paso atrás

Para CCOO, é imprescindible aumentar o gasto público nos servizos que garanten os dereitos da cidadanía. Debe garantirse o financiamento da sanidade, dos servizos sociais, da educación e da dependencia. Tamén é preciso mellorar o resto de servizos das administracións públicas, claramente minguados durante o período de austeridade extrema, incrementar os investimentos en materia de loxística e infraestrutura, cohesión social e territorial, e unha maior aposta pola I+D+i, dixitalización, formación e cualificación das empregadas e empregados públicos. Requirirán dunha especial dedicación os servizos públicos que atenden as persoas migrantes e refuxiadas.

Respecto ás condicións laborais no sector, CCOO recrimínalle ao Goberno o incumprimento dos compromisos adquiridos co sindicato. Ten que se cumprir o resto de materias que aínda están pendentes de resolver do II Acordo para a mellora do emprego público de 2018 e, máis recentemente, do Acordo do 5 de xullo de 2021. Así mesmo, cómpre constituír a Comisión de Seguimento, así como o recollido no apartado 3.º, que inclúe a negociación dun III Acordo Bianual para seguir traballando na mellora do emprego público e das condicións de traballo e salariais.

Un labor imprescindible que ha acometerse para lograr a recuperación dos dereitos arrebatados a máis de tres millóns de empregadas e empregados públicos coa escusa da crise económica, aos que, en concreto, se lles debe garantir:

  • Salarios: é necesario seguir progresando na recuperación do poder adquisitivo perdido polas empregadas e os empregados públicos durante a crise. Perdéronse entre 11 e 18 puntos de capacidade de compra, e só se recuperaron catro ata o de agora. O Goberno impuxo, sen negociación, unha suba salarial do 0,9 % en 2021 e, agora, no Proxecto de Lei de OXE do 2022, do 2 %.

A Área Pública de CCOO non avala estas subas porque se afastan dos obxectivos marcados de recuperación do poder adquisitivo, séguense desvinculando do ipc e nin sequera logran o mantemento de salarios, como así se garantiu para as pensións ou a suba por riba do ipc para as pensións máis baixas. É unha medida que, ademais, resulta ineficaz para incrementar a demanda interna, necesaria para o crecemento do pib do país.

  • Fondos adicionais: deben recuperarse, garantindo a súa posta en marcha e cumprimento, e incrementarse para reducir ou eliminar a fenda salarial de xénero. Tamén se han incluír as partidas suficientes que dean resposta ás xustas demandas para, entre outros, abordar as deficiencias e adaptacións nas relacións de postos de traballo (rpt), carreira, cualificación e clasificación profesional así como a valoración de postos de traballo, que debe trasladarse aos convenios colectivos e/ou acordos. Debe matizarse de maneira fidedigna que os fondos adicionais son parte das retribucións e, polo tanto, a súa repartición é de obrigado cumprimento.
  • Emprego: é urxente recuperar o emprego público perdido e rexuvenecer os cadros de persoal, algo inadiable tendo en conta a idade avanzada, próxima á xubilación, dunha altísima porcentaxe dos cadros de persoal. En caso contrario, poríase en risco a continuidade dos servizos públicos con eficacia, calidade e universalidade da prestación.

Igualmente, teñen que acometerse os cambios necesarios para o correcto desenvolvemento dos procesos de modernización e dixitalización das administracións públicas sen que isto supoña perda de emprego, en desenvolvemento do Compoñente 11 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

  • Estabilización do emprego: conforme se recolle no novo Acordo do 5 de xullo do 2021, xunto aos anteriores do 2017 e 2018, a temporalidade debe situarse por baixo do 8 % en todo o sector público a finais do 2024, compromiso adquirido igualmente no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia comprometido coa UE. Estes procesos deben realizarse coas máximas garantías xurídicas, como entendemos que ocorrerá no trámite parlamentario tras a validación do RDL 14/2021, para conseguir os obxectivos de dar estabilidade aos cadros de persoal e acabar coa eiva que supón a temporalidade.

Así mesmo, han incluír a totalidade do sector público empresarial, así como os centros de investigación, non só en postos estruturais, senón en todos aqueles que deben ser considerados estruturais e que, a maioría, están cubertos de maneira alegal, ilegal ou en fraude de lei a través de figuras como programas, obras e servizos, etc.

En ningún caso se debe permitir a amortización das prazas e ten que se cumprir coa adaptación do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), xa materializada conforme ao Acordo 5 de xullo e demais normas de aplicación, de modo que evite a fraude ou abuso na contratación temporal, reflectindo claramente as sancións disuasorias ante tales abusos e evitando calquera tipo de discriminación entre persoal fixo e temporal.

Cómpre eliminar calquera limitación na taxa de reposición para facer realmente efectiva e duradeira a redución da temporalidade a menos do 8 % dos cadros de persoal en todos os sectores públicos e permitir a recuperación do emprego público perdido.

  • É imprescindible constituír unha mesa de interlocución do sector público empresarial e centros de investigación do sector público como espazo de diálogo, baixo o respecto á negociación colectiva en cada ámbito, así como para a avaliación, consideración e/ou negociación daquelas iniciativas, conflitos e propostas que sexan oportunas para dar resposta a decenas de miles de traballadoras e traballadores destes sectores.
  • Administración local: impulsar a negociación dun acordo marco para a Administración Local respectando o dereito á negociación colectiva en cada ámbito. É urxente a derrogación da Lei 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración Local.
  • Xornada: recuperar e estender a xornada de 35 horas, coas adaptacións oportunas nos diferentes sectores para facela realmente efectiva, desvinculándose dos obxectivos de déficit, algo aínda pendente en moitas administracións públicas e sector público empresarial.
  • Igualdade: aprobación dos plans de igualdade e de medidas de corresponsabilidade e conciliación, ademais dos protocolos de acoso sexual e por razón de sexo.
  • Clases pasivas: incremento substancial de haberes reguladores dos grupos do A2 ao E, para evitar que se siga deteriorando a calidade das pensións de clases pasivas.
  • Estatuto Básico do Empregado Público: ademais da modificación levada a cabo para a adaptación da Directiva Comunitaria 1999/70 logo do asinamento do Acordo do 5 de xullo, é necesario e urxente o desenvolvemento do Estatuto, pendente desde a súa publicación no 2007. Referímonos tanto á garantía de cumprimentos dos acordos como á mellora para o acceso ao emprego público, a obrigatoriedade de resolver as ofertas de emprego público (OEP), a axilización dos procesos selectivos, con convocatorias con carácter anual que recollan especialmente as prazas vacantes ocupadas por persoal temporal, a provisión e promoción interna, a carreira profesional, a avaliación do desempeño, cualificación e clasificación profesional, a culminación da disposición transitoria terceira, a mobilidade interadministrativa e a regulación do teletraballo, etc.
  • Servizo exterior: recuperación do poder adquisitivo e esixencia de pleno dereito á negociación colectiva. Non se pode permitir por máis tempo que o persoal leve 12 anos sen actualización salarial. Ademais, urxe facilitar o desenvolvemento democrático do proceso de eleccións sindicais, actualmente en marcha.