XVI Convenio Colectivo de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade

  •     ➢Salarios

CCOO lembra que os incrementos salariais para 2022 xa quedaron pactados no XV Convenio Colectivo e que esixirá o cumprimento do acordado no artigo 32:

“as táboas fixadas no presente Convenio actualizaranse como determinen as partes negociadoras para períodos sucesivos de tres anos conforme ao IPC acumulado no período anterior, garantíndose en calquera caso un incremento mínimo do 3,75 % para o período de tres anos, sobre o salario base, independentemente da evolución do IPC”

CCOO propón para os técnicos/as auxiliares un salario base que nunca estea por baixo do SMI que se fixe en cada momento.

CCOO propón que se garanta un diferencial salarial para os técnicos/as con respecto aos técnicos/as auxiliares.

  •     ➢Complemento de desenvolvemento e capacitación profesional

CCOO propón establecer un novo nivel, N3, que devindicará a partir do 1 de xaneiro de 2022 e cuxa contía será, como mínimo, do 5,5 % do salario base que establezan as táboas salariais no momento da súa percepción, en xaneiro de 2025.

  •     ➢Complemento por traballo en domingos e días festivos

CCOO propón unha retribución das horas traballadas en domingos de 3,5 % hora.

CCOO propón que teñan a consideración de festivos o 24 e o 31 de decembro e o 5 de xaneiro, así como os 14 festivos legalmente establecidos.

CCOO propón que o persoal que traballe nun dos catorce festivos tipificados no artigo 37.2 do Estatuto dos Traballadores, así como o 24 e o 31 de decembro e o 5 de xaneiro, teña dereito a percibir unha retribución de 4,5 % por hora e un día laboral de descanso elixido polo traballador/a.

  •     ➢Complemento de nocturnidade

CCOO propón o aumento deste complemento do 25 % actual ao 50 % do salario base da categoría.

  •     ➢Complemento de traballo por quendas

CCOO propón para este complemento un 20 % do salario base da categoría.

  •     ➢Complemento de penosidade/perigo

CCOO propón para este complemento un 20 % do salario base da categoría.

  •     ➢Complemento específico

CCOO propón que todos os traballadores e traballadoras de atención directa que presten os seus servizos na atención a persoas con discapacidade e trastorno de conduta perciban o devandito complemento.

  •     ➢Gratuidade do servizo de comedor

CCOO propón que o persoal ao que se encomende a asistencia e vixilancia das persoas usuarias con discapacidade durante o tempo das comidas e descansos correspondentes, por atoparse entre as súas funcións e horario de traballo, teña dereito a utilizar os servizos de comedor de maneira gratuíta.

  •     ➢Horas extraordinarias

CCOO lembra que o compromiso existente no sector é de non utilizar as horas extraordinarias pero, en caso de necesidade e ter que facelo, que se aboen a 1,75 % de máis sobre a hora de traballo ordinaria.

  •     ➢Axudas de custo

CCOO propón aumentar de 30 a 40 euros a axuda de custo cando se teñan que realizar dúas comidas fóra, pasando a noite no domicilio; e de 60 a 80 euros se se pasa a noite fóra do domicilio.

  •     ➢Contratación

CCOO propón que os contratos temporais en ningún caso poidan exceder o 20 % do persoal contratado pola empresa.

CCOO propón que para os contratos de obra e servizo, en caso de subrogación, se aplique a sentenza 1137/2020, do 29 de decembro, que determina que o cambio do contratista non interrompe a prestación do servizo e, por tanto, eses contratos seguen en vigor.

  •     ➢Vacantes e postos de nova creación

CCOO propón que as prazas vacantes existentes en cada empresa ou centro de traballo e os postos de nova creación deberán ser comunicados á RLT e ás persoas traballadoras, así como o procedemento para cubrilas, tendo preferencia para iso as persoas que teñan contratos parciais e, en calquera caso, preferencia sobre a contratación externa.

  •     ➢Extinción de contratos

CCOO propón que nos supostos de extinción do contrato se teña dereito a percibir a indemnización incluíndo as melloras salariais que deriven do asinamento deste convenio colectivo, aínda que este se produza con posterioridade á extinción do contrato.

  •     ➢Descanso diario e semanal

CCOO propón que, nas residencias e pisos tutelados, o descanso semanal coincida obrigatoriamente en fin de semana, polo menos dúas veces cada catro semanas.

CCOO propón que os tempos de descanso, independentemente de para que se empreguen, sexan considerados tempo efectivo de traballo.

CCOO propón establecer con carácter xeral un descanso na xornada de 30 minutos que será computado dentro da xornada laboral.

  •     ➢Mobilidade xeográfica

CCOO propón que, en caso de traslado, a decisión deba ser notificada polo empresario á persoa afectada así como aos seus representantes legais, cunha antelación mínima de 30 días á data da súa efectividade. 

CCOO propón que os traslados temporais supoñan a reserva do posto de traballo no centro ou programa de orixe. Cando desaparezan as causas que motivaron o traslado, o traballador ou traballadora regresará ao seu centro de traballo de orixe.

CCOO propón que nos desprazamentos temporais, cuxa duración sexa superior a tres meses, se informe por escrito cunha antelación de 15 días laborables; cando o traslado sexa por un tempo inferior a tres meses, informarase cunha antelación de sete días laborables. Os traballadores e traballadoras desprazados temporalmente terán dereito a un permiso remunerado de cinco días laborables, a condición de que o desprazamento sexa superior a tres meses.

CCOO propón que os traslados permanentes (aqueles cuxa duración excede os 12 meses continuados, ou é superior a 12 meses nun período de tres anos) se notifiquen cunha antelación mínima de 30 días á data da súa efectividade. No caso de que o traballador ou traballadora sexa trasladado, percibirase unha compensación única de 3000 euros.

CCOO propón que se poida solicitar voluntariamente o cambio de centro de traballo no exercicio do mesmo ou diferente posto de traballo dentro da mesma empresa.

  •     ➢Mobilidade funcional

CCOO propón que na mobilidade funcional externa ao grupo profesional, cando se encomende unha función superior á correspondente ao seu grupo profesional, a persoa perciba a retribución correspondente ao traballo efectivamente realizado. Se o período da mencionada situación é superior a seis meses durante un ano ou oito meses en dous anos, será reclasificada no novo posto de traballo que desempeñe, sempre que o solicite.

CCOO propón que, se a empresa destina alguén a tarefas correspondentes a un grupo profesional inferior, só poderá facelo polo tempo imprescindible até un máximo de 45 días, manténdose a retribución.

Mobilidade e promoción profesional das persoas con discapacidade que desempeñen o posto de traballo de operario/a

CCOO propón que os centros en que exista este grupo profesional conten obrigatoriamente cunha Unidade de Apoio segundo o recollido no Real decreto 469/2006, do 21 de abril.

CCOO propón que se estableza un período máximo de tres anos, desde o inicio da relación laboral, para a pertenza dunha persoa traballadora a este grupo. Este período poderase ampliar, sempre que a Unidade de Apoio motive a prórroga, cun informe negativo que estableza propostas de actuación e con copia á RLT.

 

  •     ➢Xornada de traballo

CCOO propón establecer unha xornada anual de 1680 horas para os centros de atención especializada e para os centros especiais de emprego.

CCOO propón establecer unha xornada anual de 1180 horas para o persoal docente dos centros educativos, de 1400 para o persoal complementario titulado e auxiliar e de 1600 para o PAS.

CCOO propón destinar un 10 % da xornada do persoal complementario titulado e auxiliar dos centros educativos a actividades que non estean relacionadas coa atención directa.

  •     ➢Redución de xornada

CCOO propón que as persoas traballadoras poidan reducir de maneira voluntaria a súa xornada laboral nun 10 %, mantendo íntegras as súas retribucións, sempre que cumprisen 63 anos de idade e teñan recoñecidos 15 anos de servizos efectivos na mesma empresa.

CCOO propón a cotización do 100 % da base reguladora durante todo o tempo que dure a redución de xornada por coidado de familiar ou menor. Ampliación de 12 a 14 anos o límite de idade.

  •     ➢Traballo en quendas

CCOO propón que se respecten os tempos de descanso entre xornadas cando se produza cambio de quenda.

Adaptación da duración e distribución da xornada de traballo

CCOO propón que se poidan solicitar as adaptacións da duración e distribución da xornada de traballo para facer efectivo o dereito á conciliación da vida familiar e laboral. No caso de que teñan fillos ou fillas, terán dereito a efectuar a solicitude ata que os fillos ou fillas cumpran doce anos.

CCOO propón que a persoa traballadora poida solicitar o regreso á súa xornada ou modalidade contractual anterior unha vez concluído o período acordado.

  •     ➢Vacacións

CCOO propón que a maioría do persoal poida gozalas nos meses de verán.

  •     ➢Incapacidade temporal

CCOO propón que na segunda baixa do traballador/a no ano natural, se perciba o 75 % da retribución mensual ordinaria até o final da baixa. Na terceira baixa que tivese o traballador no mesmo ano natural, durante os tres primeiros días percibirá o 60 % da retribución mensual ordinaria como complemento a cargo da empresa; a partir do cuarto día e até o final da baixa, complementarase pola empresa o que falte para completar o 75 % da súa retribución mensual ordinaria.

CCOO propón que nos centros educativos todos os traballadores/as en situación de incapacidade temporal e durante os sete primeiros meses reciban o complemento necesario até completar o 100 % da súa retribución salarial total, incluídos os incrementos salariais producidos no período de baixa. Por cada trienio engadirase un mes máis. 

CCOO propón que as pagas extraordinarias que perciba o traballador/a non se vexan reducidas como consecuencia das situacións de IT que este/a experimentase durante os períodos de devindicación daquelas.

  •     ➢Permisos retribuídos

CCOO propón ampliar os supostos para a disposición da bolsa de 20 horas. En caso de familia numerosa, disporase de 30 horas.

CCOO propón que, en caso de matrimonio ou unión de feito, se poida empezar a gozar dos 15 días desde tres días antes do feito causante. 

CCOO propón tres días de asuntos propios.

  •     ➢Permisos non retribuídos

CCOO propón aumentar até dous permisos ao ano cun máximo de 120 días.

  •     ➢Ausencias xustificadas

CCOO propón aumentar de 20 a 40 días as ausencias remuneradas para aquelas persoas con relación laboral de carácter especial regulada no Real decreto 1368/1985, que deban asistir a tratamentos de rehabilitación médico-funcionais e para participar en accións de orientación, formación e readaptación profesional.

  •     ➢Excedencia voluntaria

CCOO propón que a excedencia voluntaria sexa con reserva do posto de traballo durante un ano.

  •     ➢Excedencia por violencia de xénero

CCOO propón que as vítimas de violencia de xénero poidan acollerse a unha situación de excedencia especial cuxa duración poderá estar comprendida entre os tres meses e os tres anos. Durante os dezaoito primeiros meses, terá dereito á reserva do seu posto de traballo.

  •     ➢Clasificación profesional

CCOO propón realizar un sistema de clasificación profesional axustado á realidade dun sector que está en continua adaptación e movemento, regulando novas figuras como mediador/a comunicativo/a, orientador/a, asesor/a xordos/as ou interpretes de lingua de signos, entre outras.

  •     ➢Dereitos sindicais

CCOO propón que, en caso de subrogación en licitacións públicas, a empresa entrante manteña a representación legal dos traballadores da empresa saínte sen diminución dos dereitos establecidos na lei actual para os devanditos representantes.

CCOO propón que calquera persoa traballadora afiliada a un sindicato e quen desempeñe cargos nas organizacións sindicais máis representativas teñan os dereitos expresados na lei. 

  •     ➢Plans de igualdade

CCOO propón que todas as empresas do sector teñan a obriga de elaborar un plan de igualdade, independentemente do número de persoas traballadoras.

  •     ➢Vixilancia da saúde

CCOO propón recoller no convenio que o tempo utilizado para realizar o recoñecemento médico, incluído o tempo de desprazamento, sexa a cargo da xornada laboral e considerado tempo efectivo de traballo.

CCOO propón incluír o artigo 25 da Lei de prevención de riscos laborais para a protección de persoas traballadoras especialmente sensibles a determinado risco.

  •     ➢Protección da maternidade

CCOO propón que as traballadoras embarazadas poidan ausentarse do traballo con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto.

  •     ➢Premio por xubilación

CCOO propón unha nova redacción do artigo 113 do convenio colectivo, de maneira que se clarifique que o premio de xubilación dos centros educativos concertados corresponde a todo o persoal, docente e non docente.