CCOO consegue que a Consellería recúe e realice os chamamentos dúas veces por semana

Xa manifestaramos o noso total rexeitamento a unha decisión unilateral da Consellería de facer un único día á semana os chamamentos de substitucións nas listaxes de mestres para as vacantes que se van producindo. Desde o noso punto de vista, con esta decisión a Consellería vulneraría o propio acordo.

A Consellería recúa grazas á presión sindical e chamará dúas veces á semana como se viña facendo. A proposta de CCOO ensino era a de chamar todos os días, mais sabemos da dificultade técnica de facelo así. 

A decisión inicial da Consellería entendíamos que respondería a criterios meramente de economicistas que irían en detrimento da calidade educativa do ensino público de Galicia, pois o alumnado quedaría sen o docente correspondente, en moitos casos, durante varios días ou incluso unha semana. A isto engádese que seguimos nun contexto de pandemia, cun protocolo de actuación para centros de ensino non universitario, aprobado pola propia Consellería, que mantén o concepto de «grupos de convivencia estable» para a educación infantil e primaria; polo tanto, en determinados centros resultaría moi complexo realizar as gardas por ausencia de profesorado cumprindo escrupulosamente o recollido no protocolo. 

Porén, sería un escándalo que só se cubrisen as vacantes con chamamentos nun único día. Congratulámonos de que a presión exercida paralizara esta cuestión. Isto pon de manifesto a enorme importancia que ten este acordo, xa que sen as OOSS que o asinamos coa Consellería sería imposible reverter a súa decisión.