XXIII Convenio Colectivo de Autoescolas

O pasado 23 de setembro tivo lugar unha nova reunión da mesa negociadora na que, outra volta, CCOO rexeitou as propostas da patronal ao non se axustaren aos parámetros da negociación previamente acordados.

A nosa proposta, inicialmente compartida coas restantes organizacións sindicais, sempre foi a mesma: adecuar as táboas salariais á realidade do sector antes de comezar a tratar outros aspectos do convenio. Sempre manifestamos que o salario base do profesorado debería experimentar un incremento importante nos tres vindeiros anos para axustalo á responsabilidade, experiencia e formación que require o traballo que desenvolven.

Pero, iniciadas as negociacións, o resto das organizacións desmarcáronse da idea inicial. Para CCOO, aceptar a suba salarial presentada na última reunión a cambio de que os profesores e as profesoras poidan incrementar “voluntariamente” a xornada de 35 horas semanais a 40 non vai na nosa liña de traballo. Un 0 % para 2020, un 1,8 % para o segundo semestre de 2021, un 2 % para 2022 e un 2 % para 2023 non xustifican as concesións que se van facer.

Os incrementos non terán ningún efecto no momento en que o SMI se vaia incrementando segundo o previsto polo Goberno. Plasmarase no convenio a ampliación de xornada a cambio de nada e perderase unha oportunidade de ouro para empezar a dignificar as condicións de traballo das e dos profesionais do sector. Todo un exercicio de “habilidade” negociadora por parte das organizacións sindicais que van subscribir o acordo.

A fórmula de traballar máis para poder gañar máis non facía parte das reivindicacións de CCOO. A maior percepción salarial debía vir polo incremento das retribucións, non polo incremento da xornada traballada. Se a todo isto sumamos a máis ca previsible eliminación do seguro por perda de puntos, quedaranos un convenio que a patronal non imaxinaba nin nos seus mellores soños.

Na reunión do vindeiro 21 de outubro, CCOO volverá a dicir NON ao asinamento nos termos presentados.

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS