Publicado no boe o VII convenio colectivo

LIGAZÓN BOE: https://www.boe.es/diario_boe/txt.php?id=BOE-A-2021-15665

Publicado o 27 de setembro de 2021

Este 27 de setembro publicouse no BOE o VII Convenio Colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos. O convenio, asinado por CCOO o pasado 21 de xuño, recolle algunhas das nosas reivindicacións así como os acordos sobre rexistro de xornada e saídas que subscribimos no seu momento. Son salientables os seguintes aspectos:

Recuperación da ultraactividade

Unha vez denunciado o convenio, seguirá vixente ata que as partes acaden un novo acordo de convenio que o substitúa.

Redución de xornada laboral do PAS

Reduciráselle progresivamente ao persoal de Administración e Servizos Xerais para quedar en 1570 horas ao ano. Esta redución aplicarase de xeito progresivo ao longo da vixencia do convenio, quedando en 1590 horas anuais en 2022, 1580 horas en 2023 e 1570 en 2024.

Persoal docente

Posibilidade de negociar sexenios no ámbito autonómico así como de redución da xornada nunha hora lectiva para o persoal maior de 58 anos.

Mellora nos permisos retribuídos

Quince días no caso de matrimonio ou inscrición no rexistro correspondente como parella de feito. En ambos os casos, os 15 días naturais poderán comezar a gozarse, logo do aviso, tres días antes da celebración.

No caso do permiso por hospitalización, poderá iniciarse mentres dure o feito causante. Unha vez iniciado o permiso, os días de aproveitamento serán continuados.

Créase unha bolsa dun máximo de 20 horas anuais para:

Asistencia a consultas médicas do propio traballador ou traballadora, dos fillos/as menores de idade, do cónxuxe, de pais e familiares ata primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que non poidan valerse en por si.

Asistencia a titorías de fillos/as menores, ata un máximo de 10 horas anuais con cargo á bolsa de 20 horas antes sinalada.

Nos supostos de falecemento, hospitalización e intervención cirúrxica, o permiso comezará a contar o primeiro día laborable.

Se o feito causante se produce en día festivo, o aproveitamento do permiso comezará a contar o primeiro día laborable.

Se o feito causante que orixina o dereito ao permiso se produce cando a traballadora ou traballador xa tivese completado o 70 % da xornada e solicita o permiso o mesmo día, este contará dende o día seguinte.

Se, iniciado o permiso, se inclúe algún día de fin de semana considerado non laborable para o traballador, non se terá en conta o cómputo.

Incrementos salariais

Un 2 % para o 2020 e un 0,9 % para o 2021, ambos con carácter retroactivo. As empresas disporán de tres meses, ata o 27 de decembro de 2021, para aboar os atrasos correspondentes.

Así mesmo, o novo convenio colectivo establece na súa disposición transitoria cuarta que os asinantes do convenio se comprometen a constituír unha comisión técnica de traballo, dentro do primeiro mes de publicación do Convenio colectivo, na que se abordarán cuestións relevantes que quedaron pendentes durante a negociación do VII Convenio, tales como a xornada de traballo do persoal docente ou a clasificación profesional.

CCOO solicitará inmediatamente a constitución da dita comisión e formulará nela as propostas recollidas na nosa plataforma reivindicativa sobre as cuestións que se van tratar.

CON CCOO LOITAS , CON CCOO AVANZAS