CCOO organiza unha xornada sobre a economía circular e o emprego

Dará a benvida á xornada o secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, Víctor Ledo. A seguir, a secretaria xeral estatal de CCOO-Industria, Garbiñe Espejo, fará unha introdución sobre os retos sindicais, industriais e ambientais para os próximos anos.

A continuación, terá lugar unha mesa redonda moderada por Francisco Méndez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO de Galicia. Tratará sobre proxectos de economía circular e contará coa participación de relatoras e relatores do mundo empresarial, universidade e Xunta de Galicia. Tratarán cuestións como o aproveitamento de xurros e residuos gandeiros, o desenvolvemento rural, novas alternativas no ámbito da reciclaxe ou o hidróxeno verde.

Após a rolda de preguntas, o xerente de ISTAS-CCOO, Vicente López, presentará un estudo sobre a xeración de emprego verde. A seguir, o secretario confederal de Medio Ambiente, Mariano Sanz, falará da transición ecolóxica nas empresas.

Cara ao remate, Francisco Méndez presentará as principais conclusións desta xornada, que clausurará a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez.