CCOO transmítelle á ministra de Educación e Formación Profesional as súas prioridades para a lexislatura

A Federación de Ensino reuniuse hoxe coa ministra Pilar Alegría e presentoulle un decálogo de medidas fundamentais para asegurar o correcto funcionamento do sistema educativo a curto prazo.

Pide recuperar o investimento do 5,5 % do PIB para facer fronte aos retos urxentes

Publicado o 21 de setembro de 2021

CCOO solicita ao Ministerio traballar intensamente coas comunidades autónomas para marcar criterios, coordinar e liderar o crecemento do sistema educativo público e os seus cadros de persoal e asegurar as boas condicións dos seus profesionais. O sindicato urxe a recuperar o investimento do 5,5 % do PIB en educación, cantidade suficiente para implementar todas as medidas propostas pola Federación de Ensino de CCOO e afrontar os retos máis inmediatos.

As propostas de CCOO son as seguintes:  

  1. Conseguir un compromiso de todas as Administracións educativas para incrementar o investimento en educación, co obxectivo de baixar de forma permanente as ratios, aumentar a oferta de prazas educativas públicas e aumentar os cadros de profesorado e PAS educativo. Os recursos extra deben incrementarse e non ser conxunturais, senón estruturais. 
  2. Establecer mecanismos para frear e reverter os procesos de privatización en todas as ensinanzas. 
  3. Crear un fondo de cohesión territorial, distribuído en función da diferente situación das comunidades autónomas, cun modelo de financiamento compartido. 
  4. Poñer a funcionar unha comisión dentro da Conferencia Sectorial, que permita o seguimento dos fondos destinados a Educación nas distintas CC. AA.
  5. Apostar decididamente polo diálogo social e a negociación colectiva de todas as Administracións educativas para acordar as medidas e distribuír os recursos, con transparencia nos datos.
  6. Mellorar a situación laboral e retributiva do profesorado e do PAS educativo, que na actualidade está facendo un enorme esforzo por manter a equidade e a calidade, en moitos casos sen os recursos adecuados. En especial, cómpre mellorar as condicións do profesorado no que respecta á xornada lectiva, cuestión na que existen moitas diferenzas entre as comunidades autónomas.
  7. Situar a temporalidade dos cadros de persoal por debaixo do 8 % e poñer as medidas para que non volva subir, desterrando definitivamente a precariedade do emprego público en educación. Para iso é necesario eliminar a taxa de reposición de efectivos e establecer sistemas de ingreso e acceso ao emprego público que permitan ao persoal temporal estabilizar o seu posto de traballo. 
  8. Incrementar de maneira significativa o investimento en FP, para mellorar e aumentar a oferta de prazas e as dotacións materiais e humanas nos centros educativos públicos.
  9. Universalizar as etapas non obrigatorias mediante a creación de prazas públicas.
  10. Incrementar os recursos xerais e específicos para atender a diversidade do alumnado en todas as etapas e ensinanzas, e fortalecer os servizos de orientación psicopedagóxica e educativa. Esta cuestión ten especial relevancia e necesítanse recursos específicos para diferentes perfís de alumnado.