A reunión do pasado 7 de setembro evidencia que as posicións de CCOO e a patronal do sector seguen moi distantes

Publicado o 21 de setembro de 2021

Desde CCOO manifestamos reiteradamente que a nosa aposta por dignificar e regularizar as condicións laborais das persoas traballadoras segue sendo a prioridade nesta negociación. A proposta que se nos presentou na última reunión dista moito dos obxectivos que nós expuxemos para o novo convenio colectivo e non permite adecuar as condicións retributivas, especialmente as do profesorado, á realidade e á responsabilidade que asumen no desenvolvemento do seu traballo.

A fórmula de traballar máis para cobrar máis converteuse no eixe sobre o que a patronal pretende facer xirar a negociación e aí non nos atoparán. CCOO manifestou o seu desacordo e decepción con esta formulación e trasladou a idea de que, para empezar a entendernos, o primeiro que cómpre facer é fixar unhas táboas salariais acordes coa responsabilidade que teñen as profesoras e profesores. Os incrementos propostos para todas as categorías profesionais —o 0 % en 2020, 1,2 % a partir de xullo do 2021, 1,5 % para 2022 e 1,5 % para 2023— parécennos moi insuficientes, xa que situarían o salario base para o profesorado en 1113 euros no 2023. É este o cambio radical e substancial que nos anunciaba a patronal?

A CCOO, a proposta de ampliación voluntaria da xornada laboral ata as 40 horas semanais, pagando esas cinco horas a un 110 % do valor hora ordinaria tampouco nos convence. O convenio xa regula no seu artigo 9 a posibilidade de traballar máis de 35 horas semanais (incluíndo sábados e domingos) e as súas compensacións. A flexibilidade que buscan parécenos excesiva e mal pagada.

CCOO acudirá á reunión do vindeiro 23 de setembro coa vontade de dialogar, negociar e achegar posturas. Para iso precisamos que a patronal nos amose intencións reais de avanzar nun texto que permita dar un salto cuantitativo nas condicións laborais das traballadoras e traballadores das autoescolas

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS