CCOO denunciará o XII convenio colectivo de centros de asistencia e educación infantil

Publicado o 21 de setembro de 2021

O pasado 3 de setembro publicábanse no BOE as novas táboas salariais vixentes a partir do 1 de setembro para os centros privados de xestión directa. Nelas recóllese un incremento de 10 euros para as educadoras, que pasan a percibir 968,09 euros brutos.

CCOO non asinou estas novas táboas porque consideramos insuficiente a suba e, ademais, non se aborda a posibilidade de ir incrementando no tempo ese diferencial, cun calendario definido e concreto, tal e como propuxemos de maneira reiterada. De feito, no propio acordo dos asinantes reflicten o seguinte:

“Se se producise unha suba do salario mínimo interprofesional durante 2021, manteríase o diferencial de 10 euros sobre o SMI, para a categoría de Educador Infantil no concepto ¨Salario mensual¨, nas táboas salariais do anexo I para o período de setembro a decembro do dito ano.”

Isto suporá que, unha vez publicado o novo SMI, que pasará a ser de 965 euros, a educadora percibirá unha retribución de 975 euros, o que representa 10 euros máis que as categorías que cobran SMI, cando a diferenza actual é de 18,09 euros. E só será ata decembro de 2021. Unha vez máis, os asinantes do convenio amosan a súa “habilidade” negociadora. 

Hai que lembrar que CCOO interpuxo unha demanda na Audiencia Nacional co propósito de que se recoñecese o dereito das educadoras a percibir un diferencial retributivo con respecto ao do resto de categorías sen responsabilidade docente. As patronais, con tal de evitar o xuízo, aceptaron na mesa negociadora o recoñecemento do dereito, que tamén foi publicado no BOE. O que non avala CCOO é que o diferencial se fixase en 10 euros. É ese o valor engadido do traballo que realizan as educadoras? Para nós, evidentemente, NON.

Chegou o momento de denunciar o XII Convenio Colectivo e comezar as negociacións dun novo. Dende CCOO animamos a toda a nosa afiliación, ás nosas delegadas e o conxunto de traballadoras a que nos acompañen neste proceso de dignificación das condicións laborais e participen coas súas propostas na elaboración da nosa plataforma reivindicativa

Por uns salarios dignos na Educación Infantil 0-3!

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS